Inicio Carballo ao día Hemeroteca "Somos rúa, facemos arte" volve...

DO 27 AO 29 DE DECEMBRO, NA PRAZA DO CONCELLO OU NO MERCADO

"Somos rúa, facemos arte" volve a Carballo para implicar á sociedade na ocupación do espazo público con proxectos artísticos

A actividade forma parte da campaña comercial de Nadal da Concellaría de Promoción Económica

Xoves 19 de decembro do 2019 Cultura

O programa "Somos rúa, facemos arte" volve á Praza do Concello de Carballo, dos días 27, 28 e 29 de decembro, para “facer arte” no espazo público, colaborando co tecido asociativo e coas familias. Arte contemporánea, música e danza, en tres días intensos, nun inverno artístico e activo que vén a completar a programación de Nadal Agasalla Carballo, promovendo o desfrute da arte e da cultura contemporánea para todos os públicos.

Todas as citas serán de acceso libre e gratuíto e na Praza do Concello (en caso de choiva, no 1º andar do Mercado). Así é o programa, que podes descargar máis abaixo con todos os detalles de cada espectáculo ou intervención artística:

  • 27 de decembro
De 10.30 a 13.30 e 16.00 a 17.30 horas. Para nenos de entre 5 e 12 anos. “Valorando o mar”: elaboración dunha peza escultórica. Os nenos e nenas que participen levan a súa propia escultura para a casa.
  • 28 de decembro 
-De 10.30 a 13.30 e 16.30 a 18.30. Todos os públicos. “Exercicio arquitectónico para individuo incómodo”: instalación que se realizará coas bolsas de plástico recicladas dos que queiran colaborar.-19.30. Todos os públicos. Concerto pop-rock de Portland Band.
  • 29 de decembro
13 horas. Todos os públicos. “Incerteza”: danza, con Licenciada Sotelo.

Presentación

A presentación realizouse hoxe na Casa do Concello

A presentación realizouse hoxe na Casa do Concello

“Somos rúa, facemos arte” presentouse está mañá na Casa do Concello coas intervencións de Xosé Regueira, concelleiro de Turismo e Promoción Económica; Paula Cabaleiro, comisaria de arte e coordinadora da actividade; Andrea Torres e Roi Domínguez, artistas que presentarán as dúas obras colaborativas que inclúe o programa nesta edición, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo.

“Aínda que non é unha actividade nova, pois xa cumpre a terceira edición _explicou Xosé regueira_ este ano decidimos incluíla na programación comercial de Nadal. Se non mellora o tempo, ímola facer no primeiro andar do mercado municipal, así que, a pesar da meteoroloxía, vai ser unha boa oportunidade para divertirse, porque a proposta inclúe danza contemporánea, música e instalacións artísticas. Nestas últimas esperemos que se impliquen especialmente as rapazas e rapaces, que estarán de vacacións, pero tamén están abertas a todo tipo de público”, engadiu.

Paula Cabaleiro debullou polo miúdo o programa e defendeu o seu interese, “independentemente de que sexamos rúa ou, segundo o tempo que faga, sexamos mercado; seguro que seguiremos facendo arte”. Cabaleiro salientou a importancia da colaboración do Concello para que “Somos rúa, facemos arte” vaia xa pola terceira edición, pero tamén a implicación do público de Carballo, “non só da rapazada, senón de todo o público que se acerca a ver, participa nas actividades, pregunta como vai o desenvolvemento das obras, cando se rematan ou que día e a que hora será o espectáculo de danza ou as outras propostas”.

Paula Cabaleiro: “Independentemente de que sexamos rúa ou, segundo o tempo que faga, sexamos mercado, seguro que seguiremos facendo arte”

“Como nas anteriores edicións _comentou_ “Somos rúa, facemos arte” intentou realizar unha programación que incluíse as artes plásticas dun xeito participativo, promovendo artistas galegos, mesturándoas coa música e a danza contemporánea, entendendo que son pezas experimentais, pero cremos que Carballo amosa xa educación cultural para entender estas pezas”.

No tocante ás instalacións, Cabaleiro dixo que as únicas condicións que lles puxo a Andrea Torres e a Roi Domínguez cando os convidou a participar foron que “presentasen proxectos participativos e que eses proxectos tivesen como un dos eixos transversais que tratasen de fomentar valores achegados á ecoloxía, a reciclaxe e a sostibilidade”.

A comisaria de “Somos rúa, facemos arte” falou tamén do cartel: “Sempre busco que estea relacionado coa danza porque é unha das disciplinas que menos se poñen en valor nos programas culturais, malia que eu creo que en Galicia temos unha gran canteira. A fotografía [uns pés de puntas dentro de senllas macetas] corresponde a un momento da proposta que presentará Licenciada Sotelo en Carballo o 29 de decembro; é una imaxe fermosa, dura ao mesmo tempo, pero que explica un pouco que queremos en ‘Somos rúa’: estamos nun espazo urbano pero temos os pés na terra”.

Evencio Ferrero: "En Carballo calquera creador, calquera experiencia cultural e artística innovadora ten o seu espazo no que expoñerse e no que trasladarse ao público”

Logo de que Andrea Torres e Roi Domínguez explicasen as súas instalacións, Evencio Ferrero destacou que “Somos rúa, facemos arte” é “unha boa oportunidade para que a xente vexa como se elaboran proxectos creativos e como se pode participar neles desde dentro”. O alcalde salientou tamén que Carballo sexa “un dos concellos escasísimos en Galicia onde temos unha programación estable de danza; é unha anécdota, pero é unha aposta, vese claramente que desde aquí, desde o Concello, calquera creador, calquera experiencia cultural e artística innovadora ten o seu espazo no que expoñerse e no que trasladarse ao público”.

Descargas

Compartir: