Inicio Carballo ao día Hemeroteca Xornada de portas abertas na Escola Municipal de...

Xornada de portas abertas na Escola Municipal de Hostalaría para as familias do alumnado do curso de cociña

Na xuntanza participaron o alcalde e membros do goberno municipal, o persoal municipal do Fórum e o obradoiro de carpintería

Venres 20 de decembro do 2019 Carballo ao día

O alumnado de cociña da Escola Municipal de Hostalaría superou hoxe a súa primeira proba con público, e ademais cun público moi especial, porque estivo integrado por familiares dos alumnos e as alumnas que se están a formar co equipo de profesionais dirixidos por Fernando Agrasar.

A escola decidiu organizar unha xornada de portas abertas antes de iniciar as vacacións de Nadal para que pais, nais, parellas, fillos, fillas e outras persoas achegadas puidesen coñecer as instalacións nas que se estamos formando a 15 alumnos/as para unha profesión con futuro, ademais de comprobar, cunha demostración práctica, todo o que están aprendendo.

Hoxe tocoulles facer de todo: cociñar, empratar, servir e explicar os distintos pratos que formaron parte do menú degustación: croquetas de lura na súa tinta, croquetas de polo ao curry, salpicón de peixe sapo e lagostino, empanadas caseiras, arroz caldoso con berberecho, peixe sapo, lagostino e alcachofa, láminas de polbo á feira con escuma de pataca, crema de cabaza con xamón e picatostes, carrilleiras de porco ibérico ao mencía acompañadas con pataca asada e, de sobremesa, dados de mazá asada con crema de requeixo e mini tortas variadas con chocolate. E a verdade é que trunfaron.

Ademais dos parabéns dos seus familiares, os alumnos e alumnas recibiron tamén os do alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Formación e Emprego, Iván Andrade, que se achegaron ata as instalacións do Fórum Carballo xunto con outros membros do goberno municipal. Na xornada de portas abertas participaron, así mesmo, o persoal municipal do edificio e o obradoiro de emprego de carpintería ao completo.

Despois das vacacións de Nadal quedará aínda moito curso por diante para que o alumnado siga aprendendo e demostrando o que sabe a través de distintas iniciativas semellantes á de hoxe. O curso ten unha duración total de 1.135 horas, 320 das cales serán de prácticas en empresas.

Compartir: