A solidariedade xoga ao fútbol no campo do Carral
Dous combinados da SD Sofán e do Sofán-Aspaber xogarán este venres 27 un partido a beneficio da Cruz Vermella
Xoves 26 de decembro do 2019 Deporte
Este venres ás 18.00 horas hai partido no campo do Carral. Non é un partido de liga, nin de copa, pero é dos máis importantes que se disputan cada ano, porque o que está en xogo é a solidariedade dos veciños e as veciñas do noso concello. E, como vimos demostrando unha vez tras outra, “Carballo é un concello solidario”. Lembrárono hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e o presidente da SD Sofán, Ricardo Serrano, na presentación do partido a beneficio da Cruz Vermella que se xogará mañá, e na que tamén estiveron presentes o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o presidente da Asemblea Local de Cruz Vermella, Roberto Mallo, e a técnica da entidade Ana Veira.
Os equipos serán mixtos, formados tanto por xogadores da SD coma do Sofán-Aspaber, “que é a nena bonita do club dende hai un ano”, asegurou Ricardo Serrano. O obxectivo desta iniciativa é dobre, engadiu: “Por unha parte, colaborar coa Cruz Vermella unha vez máis, e, por outra, darlles actividade aos xogadores do Sofán-Aspaber, que están todo o ano adestrando e failles moita ilusión”.
O presidente da Cruz Vermella agradeceu á SD Sofán “que un ano máis se lembre de nós”, e destacou especialmente que este tipo de iniciativas contribúen a darlle visibilidade a campañas como a de recollida de xoguetes. De feito, aínda que as achegas remataron oficialmente o día 20 na sede da Cruz Vermella e na Biblioteca Rego da Balsa e o 22 nos partidos e adestramentos da Escola Basket Xiria, que é outra das entidades solidarias do noso concello, mañá aínda teremos a ocasión de contribuír para que máis de 130 nenos e nenas teñan tamén agasallos dos Reis Magos.
As persoas que se acheguen ata O Carral “pagarán” a súa entrada cun xoguete ou con alimentos non perecedoiros, que serán doados á Cruz Vermella para as súas campañas. O alcalde subliñou o feito de que a oenegué dedique a súa “acción diaria a pensar nas persoas con máis necesidades”, e nese sentido expresoulle o “agradecemento e recoñecemento” do Concello de Carballo, que ofrece a súa axuda en todo o que se precise. Así mesmo, louvou a entidades que, como a SD Sofán, “están sempre, porque son os imprescindibles”. Por último, Evencio Ferrero convidou a toda a veciñanza a achegarse mañá venres ao campo do Carral.