Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobada definitivamente pola Xunta a...

Aprobada definitivamente pola Xunta a modificación puntual número 3 do PXOM, que mellora a regulación de usos do solo

Os cambios afectan a un total de 23 artigos da normativa do plan

Luns 30 de decembro do 2019 Carballo ao día

A modificación mellora a aplicación do PXOM

A modificación mellora a aplicación do PXOM

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de notificar ao Concello de Carballo a aprobación definitiva da modificación puntual número 3 do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que trata de mellorar a regulación de usos establecida no PXOM e adaptar as súas determinacións á actual lexislación urbanística, dando resposta ás necesidades actuais da poboación.

Os cambios afectan a un total de 23 artigos da normativa do PXOM, que se resumen nas seguintes:

  • Modificación da definición de índice de edificabilidade e aproveitamento lucrativo. A normativa do PXOM establecía que o cálculo se efectuaría en función da superficie bruta de parcela, pero agora realizarase en función da superficie neta, como tamén establece a lexislación urbanística vixente.
  • Aclaración e mellora das condicións de compatibilidade do uso residencial e industrial mediante, incluíndo, por exemplo, a posibilidade de incorporar as vivendas turísticas e outro tipo de recintos nos que se realice unha actividade económica, ou permitindo a instalación de pequenos obradoiros e talleres ata un máximo de 200 metros cadrados.
  • Aclaración e mellora das condicións de compatibilidade do uso residencial e comercial, de maneira que o local comercial en planta soto só se permite unido á planta baixa.
  • Aclaración e mellora das condicións de compatibilidade do uso administrativo e de oficinas co uso comercial, incorporando os servizos sanitarios, por exemplo.
  • Modificación da regulación das alturas libres mínimas esixibles para o uso comercial e administrativo e de oficinas para adaptalos á normativa sectorial e para os locais existentes, de maneira que se unifica e redúcese de 2,70 a 2,50 metros.
  • Regulación do uso de espectáculos e actividades recreativas para adaptalo á normativa autonómica vixente, aínda que con algunhas excepcións, por exemplo, para os hipódromos.
  • Poténcisase o desenvolvemento do uso dotacional ou de equipamentos, eliminando a actual restrición de limitar a súa localización unicamente ás parcelas sinaladas a tal efecto nos planos de ordenación.
  • Incorporación no uso agropecuario en solo rural das instalacións nas que se manteñan permanentemente animais con finalidade de esparcemento ou didáctica.
  • No caso de edificios xa existentes facilítase a implantación de aparcadoiros aumentando a pendente máxima das ramplas dos garaxes en soto.
  • Flexibilización da implantación dos sistemas de aire acondicionado.
A proposta completa pode descargarse aquí.

Compartir: