A loita contra a avespa velutina bate un novo récord cun total de 795 niños retirados ao longo do ano 2019
O Concello de Carballo leva tres anos combatendo con medios propios, dentro do contrato de control de pragas, a presenza da especie invasora
Xoves 2 de xaneiro do 2020 Carballo ao día
O equipo de control de pragas, preparándose para retirar un niño
A loita contra a avespa velutina saldouse no ano 2019 cun total de 795 niños retirados, 149 máis que o ano anterior, segundo consta no balance presentado pola empresa contratada polo Concello de Carballo para a prestación do servizo de control de pragas. No mes de decembro retiramos 34 niños entre as 18 parroquias. As cifras poñen de manifesto que a invasión continúa malia as intensas campañas de trampeo que vimos realizando en colaboración con apicultores/as e veciñanza en xeral.
O Concello de Carballo continuará este ano coas medidas encamiñadas a intentar frear os danos provocados polo avespa asiática, tanto intensificando o trampeo durante a primavera coma fomentando as campañas divulgativas entre distintos sectores da poboación. Entre elas figura a exposición do niño viaxeiro, que pode verse no primeiro andar da Casa do Concello, pero que está a disposición de centros escolares e entidades interesadas. Só teñen que poñerse en contacto co servizo municipal de Medio Ambiente no teléfono 981 704 100.
O "niño viaxeiro" está a disposición de centros educativos e entidades
O Concello de Carballo foi pioneiro en Galicia en combater a praga con medios propios, xa que, malia tratarse dunha que corresponde á Administración Autonómica, consideramos que a seguridade da poboación debe ser prioritaria. Deste xeito, dende o ano 2017 a loita contra a avespa velutina está incluída no contrato do servizo de control de pragas, e os avisos que se reciben son atendidos en 24 horas na práctica totalidade dos casos.
As persoas que localicen un niño poden chamar ao 012 ou ao 112, desde onde darán aviso ao Servizo Municipal de Control de Pragas.