Inicio Carballo ao día Hemeroteca Todo o que necesitas saber para non perder...

Todo o que necesitas saber para non perder detalle da visita dos Reis Magos a Carballo

Toma boa nota das recomendacións de seguridade e presta atención ao tempo, que pode condicionar o desenvolvemento da actividad

Xoves 2 de xaneiro do 2020 Cultura

En Carballo xa está todo listo para recibir este domingo, día 5 de xaneiro, a visita anual dos Reis Magos. A organización recae no Concello, que conta coa colaboración de Agrupación de Protección Civil, Policía Local, Brigada Municipal de Obras, Parque de Bombeiros, Centro Comercial Bergantiños Híper-GADIS, que achega 600 Kg de caramelos, e Grupo Dimolk, que cede os coches que transportan as carrozas. Aquí tes todos os detalles.

HORARIOS

  • Chegada ao Centro Comercial Bergantiños Hiper-GADIS: 17.00 h
  • Saída do Centro Comercial Bergantiños: 17.30 h
  • Chegada á Praza do Concello: 19.30- 20.00 h (aprox.)

Itinerario

Os Reis chegarán en coches ao Centro Comercial Bergantiños Hiper-GADIS escoltados pola Policía e Protección Civil, que serán os encargados de que todo o desfile transcorra con seguridade e tranquilidade, ademais de regular o tráfico ao paso das carrozas. As súas maxestades saudarán aos nenos e nenas antes de subir ás carrozas.   

PERCORRIDO: Saída no aparcamento de CC Bergantiños-Gadis, Avd. Ponte da Pedra, Pedra Furada, Xeranios, Papoula, Av. das Flores, Poñente, Perú, Estrela, Vázquez de Parga, Camiño Novo, Praza de Galicia, Fomento, Río Anllóns, Río Miño, Compostela, A Brea (Parada), Berdillo, Sol, Martín Herrera, Alcalde Jacinto Amigo (Parada para visitar a Igrexa), Desiderio Varela, Gran Vía, Vázquez de Parga, Valle-Inclán, Colón.

Animación e acto de recepción

Para facer máis levadeira a espera dos Reis Magos os nenos e nenas que o desexen poderán desfrutar de animación na Praza do Concello a partir das 18.30 h con actividades e xogos ata a chegada da cabalgata.  

O acto de recepción celebrarase na carpa que está instalada diante do Concello onde poderán esperar os nenos e os pais. Á chegada dos Reis, o Alcalde en nome de todo os cidadáns de Carballo recibirá e saudará ás  Maxestades Reais, que se dirixirán a todos os asistentes.

A continuación, e xa dentro da Casa do Concello, os nenos e nenas poderán achegarse aos Reis e facerlle entrega das cartas en man e realizar as peticións que desexen así como disporán dun buzón real para deixar as súas cartas.

Recomendacións de seguridade

  • Os distintos servizos encargados da seguridade durante a celebración da Cabalgata dos Reis, Protección Civil e Policía Local, recomendan a todos os pais, nais e asistentes que teñan vixiados en todo momento aos nenos e nenas que acudan a este acto e garden a distancia de seguridade con respecto ás carrozas, e nunca situarse diante das mesmas. Non está permitido achegarse a elas.
  • Prégase tamén aos maiores que faciliten aos nenos as primeiras filas e espazos para que os máis cativos poidan ver mellor aos Reis.
  • Non se debe subir ao mobiliario urbano nin a varandas que poidan ser inestables e perigosas.
  • Advírtese sobre a extrema precaución cos carros dos bebés, que non sobresaian das liñas do público marcada polos servizos de seguridade.
  • Non se pode invadir a calzada e débese impedir que os menores entren en zonas delimitadas para o desfile. Débense respectar en todo momento as indicacións sobre as liñas para o público marcadas polos servizos de seguridade, non recoller caramelos próximos ás carrozas, nin na calzada e non utilizar paraugas para recoller caramelos, xa que supoñen un perigo engadido para os máis pequenos.
    En todo momento débense atender e respectar ás indicacións da organización e servizos de seguridade.
  • En todo momento débense atender e respectar ás indicacións da organización e servizos de seguridade.
  • Desde a organización pídese e agradécese a colaboración da cidadanía para o correcto desenvolvemento desta actividade e así poder desfrutar desta tarde tan especial para todos.

Meteoroloxía

O Concello manterase atento á evolución do tempo, e se fora preciso por seguridade, faríanse cambios no itinerario e no percorrido ou no desenvolvemento da cabalgata.

Compartir: