Inicio Carballo ao día Hemeroteca A campaña “Agasalla Carballo” supera con...

ABARROTE NA ZONA DE OCIO INFANTIL DO MERCADO

A campaña “Agasalla Carballo” supera con creces as mellores cifras das edicións anteriores

Unha media de 200 persoas pasan cada día polo Museo de Bergantiños para recoller os agasallos por comprar no comercio local

Sábado 4 de xaneiro do 2020 Carballo ao día

Cola no Museo de Bergantiños, hoxe pola mañá

Cola no Museo de Bergantiños, hoxe pola mañá

A campaña Agasalla Carballo rematará mañá coas mellores cifras de todas as edicións que se veñen organizando dende a Concellaría de Promoción Económica. Hoxe houbo cola ás portas do Museo de Bergantiños, como podedes ver na imaxe, pero non foi un caso illado, senón unha situación que se vén repetindo a diario. Cada día pasan polo Museo unha media de 200 persoas a recoller os agasallos por mercar no comercio local, o que demostra que o gran obxectivo da campaña, que é incentivar as compras nos establecementos da vila, estase a conseguir. Dende o departamento que dirixe Xosé Regueira, a valoración é altamente positiva.

Outro dato que reforza o éxito da campaña é o abarrote diario na zona de ocio infantil que temos instalada na planta alta do Mercado Municipal: piscina de bolas, rocódromo inchable, obradoiros de espumas, vehículos a pedais e moitos máis xogos e obradoiros a disposición da cativada totalmente de balde. Mañá domingo será o último día, e os nenos e nenas aínda poderán desfrutar dos seus xogos favoritos de 12.00 a 14.00 h.

Mañá tamén rematará a campaña que desenvolvemos coa participación de 102 comercios. Aproveitade as compras da véspera de Reis para selar as tarxetas, e lembrade que temos unha chea de premios que podedes recoller no Museo de Bergantiños ata o 9 de xaneiro

  • 2 selos: válido para un sorteo de 10 tablets.
  • 3 selos, premio directo: un caderno de Derrubando muros con pintura.
  • 4 selos, premio directo: un almorzo, xantar ou cea para 2 persoas en cafetarías e restaurantes de Carballo.
  • 5 selos: válido para un sorteo para ir ao Parque Warner e a Port Aventura.
No caso dos premios directos, con ensinar a tarxeta cos cuños os ganadores entregaránvolo no momento. Para os sorteos hai que presentar a tarxeta, tamén no Museo, e cubrir un boleto cos datos persoais e depositalo nunha urna. O sorteo terá lugar o sábado 11 de xaneiro de 2020 ás 12 horas.

Compartir: