Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acollerá do 16 de xaneiro ao 1 de...

Carballo acollerá do 16 de xaneiro ao 1 de febreiro unha nova edición do ciclo de cine euroárabe "Amal en ruta"

O público poderá ver nesta edición dous documentais e catro películas de ficción

Venres 10 de xaneiro do 2020 Cultura

O presidente de honor da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, presentaron hoxe unha nova edición do ciclo de cine euroárabe “Amal en Ruta”, organizado conxuntamente para achegármonos á sociedade árabe, rompendo cos estereotipos e ofrecendo unha visión ampla e multidimensional desta cultura tan heteroxénea.

Amal en ruta Carballo é un resumo da última edición da Semana de Cine Euroárabe Amal, celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela o pasado mes de outubro. Jaber Ibrahim explicou que esta edición de Amal en ruta enmárcase baixo o lema “E ti, acompáñasnos nesta viaxe?”, un título co que se pretende evidenciar a longa traxectoria do festival Amal, que, con dezasete anos de experiencia, continuará en 2020 cunha proposta chea de diversidade cinematográfica e con cintas de “gran calidade que sorprenderán aos espectadores”.

O alcalde de Carballo, pola súa banda, aludiu á importancia de programar actividades que contribúan a promover e difundir "valores diversos, porque estamos nunha sociedade na que semella que só importan o poder e a riqueza, e outro tipo de valores nunca se teñen en conta. E, precisamente, o ciclo Amal en Ruta tamén axuda a que a xente pense, reflexiona e coñeza, porque ese coñecemento é básico para poder ter información e poder opinar". Nese sentido, destacou que este tipo de propostas "enriquecen" a sociedade e fana avanzar.

Este ciclo, como expuxo Marcos Trigo, consta de catro ficcións e dous documentais –cintas en versión orixinal subtituladas en castelán–, que supoñen un percorrido polo mellor cine árabe da actualidade. Poderanse ver do 16 de xaneiro ao 1 de febreiro no Pazo da Cultura e na Biblioteca Rego da Balsa. Todos os pases comezarán ás 20.30 horas.

  • “Soufra” (xoves 16, na Biblioteca Rego da Balsa)
  • "Sky and Ground” (venres 17, no Pazo da Cultura)
  • “Mafak” (xoves 23, na Biblioteca Rego da Balsa)
  • “Look at me” (venres 24, no Pazo da Cultura)
  • “Yomeddine” (xoves 30, na Biblioteca Rego da Balsa)
  • “Capharnaüm” (sábado 1, no Pazo da Cultura)

Descargas

Compartir: