O Concello de Carballo mantén un ano máis os prezos públicos para os espectáculos no auditorio do Pazo da Cultura
Na primeira Xunta de Goberno Local do 2020 foron aprobados varios programas culturais e as bases do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís
Luns 13 de xaneiro do 2020 Carballo ao día
Pazo da Cultura
A Xunta de Goberno Local aprobou na súa primeira xuntanza do ano varias propostas relacionadas coa intensa actividade cultural que se desenvolve no noso concello, entre elas os prezos públicos para os espectáculos que se levan a cabo no auditorio do Pazo da Cultura ao longo do ano, que se manteñen sen cambios. Por unha banda establécese un prezo xenérico de 3 euros para actuacións de grupos profesionais que non vaian dirixidas a un colectivo concreto. Por outra, para os espectáculos da Rede Galega de Teatros e Auditorios fíxanse uns prezos mínimos que poden oscilar entre 3 e 5 € en función dos cachés dos artistas. Os colectivos de maiores de 60 anos, menores de 18 e posuidores de carné de estudante beneficiaranse dunha bonificación do 40%.
Na sesión de hoxe tamén foi aprobada unha solicitude de subvención á Axencia Galega de Industrias Culturais por importe de 32.734,14 euros para a organización do Festival Carballo Interplay 2020. Coa Agadic tamén se aprobou a sinatura dun convenio de colaboración para a xestión da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios do 1º semestre do ano, que inclúe, por exemplo, os Venres Coolturais. Dentro do mesmo programa, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou a programación do ciclo de cine euroárabe Amal en Ruta.
A Xunta de Goberno Local deu o visto bo, así mesmo, ás bases do XXII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís e aos convenios de colaboración coa Fundación Luis Calvo Sanz e Interfilm Carballo para o financiamento de algúns dos premios.