Inicio Carballo ao día Hemeroteca Castrillón súmase aos...

Castrillón súmase aos núcleos rurais singulares que contan con todo o viario pavimentado con cemento

O proxecto que vimos de acometer, cun investimento de 210.056 euros, incluíu tamén a instalación da canalización para a futura rede de abastecemento de auga

Martes 21 de xaneiro do 2020 Carballo ao día

Luis Lamas, Evencio Ferrero e Marcos Trigo, no Castrillón

Luis Lamas, Evencio Ferrero e Marcos Trigo, no Castrillón

O lugar de Castrillón, na parroquia de Lema, vén de sumarse aos núcleos rurais singulares do noso concello que contan con todo o viario pavimentado con cemento. O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros Luis Lamas e Marcos Trigo, puideron comprobar a importante transformación que supuxo a execución do proxecto, realizado pola empresa Vázquez y Reino cun investimento de 210.056 euros, e que incluíu tamén a instalación da canalización para a futura conexión á rede de abastecemento de auga a Lema.

O Castrillón é un asentamento tradicional xurdido en torno á capela de Santa Irene e cuxas edificacións manteñen en grande medida a referencia tipolóxica orixinaria. Ademais, serve de miradoiro natural desde o que se divisa gran parte do termo municipal e acolle elementos patrimoniais protexidos, tanto de carácter arqueolóxico, coma o castro de Santa Irene, coma arquitectónico, como a capela, o cruceiro e un hórreo. Por estes valores arquitectónicos, paisaxísticos e medioambientais, o núcleo no seu conxunto está protexido no PXOM.

A intervención realizada tivo en conta todos eses elementos de interese e seguiu as pautas da Xunta de Galicia para este tipo de núcleos singulares, como fixemos tamén en Cances Grande, O Rodo (Oza), Vilar de Cidre (Razo) ou tras as recentes obras de saneamento en Entrecruces.

Coa intención de continuar con este tipo de actuacións, dentro do Plan Complementario 2020 incluímos o proxecto de conservación e mellora de rúas no núcleo rural tradicional de Os Vilares (Sísamo), cun orzamento de 229.249,03 euros, e con cargo ao superávit do ano 2018 acometeremos os proxectos de conservación e mellora de pavimentos en varios lugares de Rus, Artes e Oza, por 315.474,89 euros. Neste caso trátase de acondicionar con cemento a parte frontal da igrexa de Rus tras a retirada dos postes polo soterramento do cableado, para “darlle realce e prestixio como merece a igrexa”, como sinalou o alcalde. En Artes atenderase a petición do consello parroquial de pavimentar con cemento a pista de acceso ao renovado centro social, e en Oza, atendendo outra petición veciñal, pavimentarase o campo da festa con cemento e con cespeado portante para a zona de estacionamento.

Compartir: