Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio...

A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar de Bergantiños atendeu no ano 2019 a 142 familias

A UDIAF é un servizo público e totalmente gratuíto para as familias da comarca de Bergantiños que leva xa máis de cinco anos en funcionamento

Mércores 22 de xaneiro do 2020 Carballo ao día

A sede da UDIAF atópase no edificio do antigo ambulatorio

A sede da UDIAF atópase no edificio do antigo ambulatorio

A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF) de Bergantiños atendeu no ano 2019 a 142 familias nas instalacións cedidas polo Concello de Carballo no edificio do antigo ambulatorio.

A unidade de atención temperá presta asesoramento e orientación ás familias e apoio ao desenvolvemento aos nenos e nenas de 0 a 6 anos. Unha parte importante do traballo da UDIAF consiste en coordinarse e colaborar cos profesionais e os recursos que atenden aos nenos dende outros servizos. A tipoloxía dos problemas ou dificultades atendidas abrangue todo o ámbito dos problemas que poidan darse no desenvolvemento infantil: evolutivos, afectivo- emocionais, de conduta, da comunicación e a linguaxe, motrices ou cognitivos.

Segundo consta na memoria de actividades, no ano 2019 foron atendidas 142 familias, realizáronse 2.408 prestacións de apoio personalizado e 505 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos. Debido ao incremento da demanda, a demora asistencial aumentou ata os 90 días de promedio.

A UDIAF Bergantiños forma parte, xunto coas UDIAF do Salnés e do Deza, dun proxecto dirixido pola Asociación Galega de Atención Temperá e subvencionado integramente pola Consellería de Política Social. A Unidade de Bergantiños abriu as súas portas a finais de 2014.

No que se refire ao ámbito do Bergantiños, segundo os resultados correspondentes ao ano 2019 a maior parte das familias atendidas (57%) eran residentes no Concello de Carballo, un 16% en Laracha, 10% en Ponteceso, 7% en Malpica, 4% en Laxe, e 3% en Cabana e Coristanco; cifras normalmente correlativas á poboación dos distintos concellos.

Nas enquisas anónimas cubertas polas familias, o nivel de satisfacción co servizo mantense nun nivel moi elevado, cunha valoración de 4,84 sobre un máximo de 5. Ditos resultados poñen de manifesto a importancia asistencial do servicio e a confianza que depositan as familias na intervención que se realiza.

Equipo da UDIAF

Equipo da UDIAD

Na actualidade a unidade está conformada por un equipo interdisciplinario con participación de 1 psicóloga, 1 psicomotricista, 1 logopeda e 1 administrativo. AGAT vén de solicitar un incremento do convenio co obxecto de aumentar o nº de profesionais, e cubrir  satisfactoriamente o incremento da demanda, evitando a demora na intervención.

A UDIAF é un servizo público e totalmente gratuíto para as familias da comarca de Bergantiños. O contacto pode realizar a través da propia sede na Avenida do Ambulatorio número 39 de Carballo, no correo electrónico bergantinos@atenciontemprana.com ou ben chamando ao teléfono 881 946 410.

Compartir: