Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinados os contratos correspondentes a varias...

Asinados os contratos correspondentes a varias obras de saneamento nas parroquias de Lema, Oza, Razo e Sofán

Os proxectos hidráulicos que temos en marcha na zona rural superan os 3 millóns de euros de investimento

Xoves 23 de xaneiro do 2020 Carballo ao día

Na sinatura do contrato tamén estivo presente o concelleiro Luis Lamas

Na sinatura do contrato tamén estivo presente o concelleiro Luis Lamas

O alcalde, Evencio Ferrero, asinou hoxe coa empresa Vázquez y Reino os contratos correspondentes a dous novos proxectos de saneamento que nos permitirán seguir estendendo o servizo pola zona rural.

Na parroquia de Sofán está prevista a instalación de case tres quilómetros de rede entre A Piña e Evas, cun custo de 188.881 euros. Así mesmo, destinaranse outros 170.731 euros a levar o servizo aos lugares de O Pinar e Pedra do Sal (Lema), Vilar do Carballo (Oza), Razo da Costa e Santa Mariña (Razo). O prazo de execución das obras é de cinco meses nos dous casos.

A mesma empresa está a executar nestes momentos o proxecto da rede de abastecemento de auga a Oza e Razo, adxudicado por case 1,3 millóns de euros, que estará rematado antes do verán; así coma as obras de abastecemento e saneamento dos lugares de Figueroa e Outeiro, na parroquia de Sísamo, cun custo de 257.125 euros e que entran xa na súa recta final despois de tres meses de traballo, como comprobaron hoxe o alcalde e o concelleiro de Obrsas e Servizos. En total instalaranse case 3 quilómetros de rede de saneamento e outros tantos de abastecemento e realizaranse as reposicións correspondentes na rede viaria.

Máis de 3 millóns de euros

O alcalde e o concelleiro de Obras visitaron hoxe os traballos que se están executando en Sísamo

O alcalde e o concelleiro de Obras visitaron hoxe os traballos que se están executando en Sísamo

En total, o Concello de Carballo ten en marcha obras hidráulicas por un importe superior aos tres millóns de euros. Nestes momentos están en proceso de contratación as obras da rede de saneamento nos lugares de Taboada e A Granxa, na parroquia de Entrecruces, cun investimento de 259.959,13 euros, e as de Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar, na parroquia de Artes, por 199.884,67 euros. Con cargo ao superávit do ano pasado acometeremos, ademais, o abastecemento de auga dende Santa María de Ardaña ata Canosa (Rus), cun orzamento de 323.203,69 euros.

Outro dos proxectos que se licitará en breve é o abastecemento de auga ao núcleo de Lema, cun orzamento de 431.876,23 euros.

Compartir: