A modificación do PXOM para a prolongación da rúa Vila de Negreira ata Bértoa dá un paso máis cara a aprobación definitiva
Aprobadas dúas das tres mocións presentadas polo PSOE no pleno ordinario
Martes 28 de xaneiro do 2020 Carballo ao día
A corporación municipal reuniuse o luns 27
A modificación puntual do PXOM que afecta á prolongación da rúa Vila de Negreira está un pouco más preto da aprobación definitiva. No pleno ordinario deste luns a corporación municipal deulle o visto bo de maneira provisional, cos votos en contra dos dous edís de Terra Galega, tras a inclusión dunha serie de observacións realizadas pola Xunta de Galicia a raíz da aprobación inicial.
Os obxectivos da modificación son, por unha banda, a mellora da funcionalidade da vía para facela accesible directamente dende a estrada comarcal AC-552 mediante a prolongación sobre a rúa Pintor Francisco Miguel, e, pola outra, a ordenación detallada da estrada, que contará con dúas seccións distintas en función das contornas polas que discorre: unha sección de 16 metros de ancho no solo rústico que incluirá dous carrís de circulación, carrís bici, beirarrúas e unha mediana vexetal para separar as zonas de circulación rodada e peonil, e outra sección de 14 metros de ancho no solo urbano con dous carrís de circulación, aparcamentos, beirarrúas e, ademais, servizos de recollida de augas pluviais e iluminación.
Outros acordos
A corporación municipal tamén aprobou, neste caso por unanimidade, a convocatoria de eleccións para o Consello Deportivo Municipal.
Tamén foron debatidas tres mocións presentadas polo PSOE (poden descargarse ao final desta nova). A relativa á devolución do imposto de plusvalía non saíu adiante. O BNG presentou una emenda que non foi aceptada polo grupo propoñente, polo que votou en contra. As outras dúas, sobre a precarización do servizo de pediatría por parte do Goberno galego e o financiamento das entidades locais na prestación do servizo de axuda no fogar, esta última coa inclusión dunha emenda do BNG, foron aprobadas, aínda que sen o apoio do PP.
No apartado de rogos e preguntas, tanto o PP coma TeGa interesáronse por diferentes cuestións, sobre todo relacionadas con cuestións de persoal e de obras.