Inicio Carballo ao día Hemeroteca A veciñanza de Lema gozará moi...

A veciñanza de Lema gozará moi pronto dun novo espazo público que inclúe un centro social completamente renovado

As obras, nas que estamos a realizar un investimento de 182.000 euros, están practicamente rematadas

Luns 3 de febreiro do 2020 Carballo ao día

O alcalde e os concelleiros Luis Lamas e Marcos Trigo visitaron a obra

O alcalde e os concelleiros Luis Lamas e Marcos Trigo visitaron a obra

O Centro Social de Lema poderá reabrir as súas portas moi pronto, despois dunha reforma integral que non só conseguiu transformar por completo o edificio da antiga escola senón tamén o resto da parcela, reconvertida nun novo espazo público para uso e desfrute de toda a cidadanía, xa que inclúe un parque infantil e biosaudable que fomentará as relacións interxeracionais.

A obra do centro social responde ao plan de necesidades trasladado polo movemento asociativo da parroquia

As obras están practicamente listas, como puideron comprobar o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e o de Deporte e Cultura, Marcos Trigo. O proxecto, financiado polo Concello de Carballo con 182.000 euros, permitiu urbanizar toda a parcela, na que, ademais do parque, acondicionáronse os accesos e unha zona de aparcamento.

En canto ao centro social, a obra responde ao plan de necesidades trasladado polo movemento asociativo da parroquia. Do edificio orixinal practicamente só se conservan os muros exteriores, xa que se cambiaron portas e ventás, as fachadas, a cuberta, todas as instalacións e realizouse unha nova distribución do espazo interior. Agora, nos 148,80 metros cadrados útiles dos que dispón, hai unha zona de cociña e barra, un despacho, dous aseos, un salón de 80 metros cadrados e un almacén. Tamén se conservou parte do soportal, que conta agora con 46,90 metros cadrados. A colocación do mobiliario e o equipamento completarán a actuación.



Galería

Compartir: