Expedidas o ano pasado 72 tarxetas de estacionamento en prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida
En Carballo contamos con máis de cen prazas reservadas en vías e aparcamentos públicos
Martes 4 de febreiro do 2020 Carballo ao día
O Concello de Carballo expediu o ano pasado un total de 72 tarxetas de estacionamento en prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida, un 30% máis que o ano anterior.
Aínda que a expedición das tarxetas se realiza no departamento de Servizos Sociais, o primeiro paso para a tramitación é a solicitude á Xunta de Galicia da valoración do grao de discapacidade e do recoñecemento da dificultade de mobilidade para o uso de transporte colectivo. Neste sentido, dende a área de Igualdade e Benestar indican que a resolución por parte da Xunta está a tardar aproximadamente un ano, o que retarda a concesión, xa que é imprescindible para poder solicitar a tarxeta no Concello.
Para paliar esta situación pode solicitarse, segundo explicou a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, unha tarxeta de estacionamento provisional, que se concederá excepcionalmente en casos graves, tal como recolle o real decreto que regula as condicións de uso e emisión.
En Carballo contamos con máis de cen prazas de estacionamento reservadas para persoas con mobilidade reducida, a maior parte no casco urbano, pero tamén nas praias. As persoas que necesiten unha praza nunha zona concreta por cuestións de residencia ou traballo poden realizar unha solicitude no Concello.