O alumnado de cociña da Escola Municipal de Hostalaría ofrece un showcooking en Xantar
A gastronomía e a restauración carballesas están presentes por partida múltiple no Salón Internacional do Turismo Gastronómico que se celebra en Ourense
Venres 7 de febreiro do 2020 Carballo ao día
Novo salvamanteis da Escola de Hostalaría
O alumnado da Escola Municipal de Hostalaría de Carballo foi un dos protagonistas do día en Xantar, onde ofreceu un showcooking este venres. Un ano máis, o noso concello está presente por partida múltiple no Salón Internacional do Turismo Gastronómico que se celebra en Ourense ata o domingo, e que, precisamente, arrancou este mércores cunha auténtica exhibición por parte dos dous restaurantes locais mellor valorados polas persoas usuarias de TripAdvisor, Pementa Rosa e Río Sil.
A calidade da restauración carballesa é un dos nosos pratos fortes, e outro, sen dúbida, é a panadaría. Por iso, xunto ao showcooking da Escola de Hostalaría, o público de Xantar puido gozar no stand da Deputación da Coruña dunha degustación de pan e empanada dos nosos artesáns.
O alumnado de Fernando Agrasar acendeu os fogóns ás 11.00 horas para preparar empanada caseira e arroz caldoso con peixe e marisco, que se serviron en petiscos e que colleitaron un novo éxito. Entre os asistentes estivo o concelleiro de Promoción Económica e vicepresidente da Deputación Provincial, Xosé Regueira. A Escola Municipal de Hostalaría estreou en Xantar os novos salvamanteis promocionais con imaxes e información sobre o centro de formación que xestiona o Concello de Carballo.