Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno Local aproba a solicitude...

A Xunta de Goberno Local aproba a solicitude á Xunta dun novo obradoiro de emprego de carpintería e soldadura

Na sesión celebrada hoxe tamén se acordou pedir unha subvención á Consellería de Industria para a instalación de sistemas de seguridade no polígono de Bértoa

Luns 10 de febreiro do 2020 Carballo ao día

Nave de carpintería do Fórum Carballo

Nave de carpintería do Fórum Carballo

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria de hoxe a solicitude de varias subvencións á Xunta de Galicia. Entre elas destaca a dun novo obradoiro de emprego para mozos/as inscritos/as no sistema de garantía xuvenil nas especialidades de carpintería e soldadura. Ademais da formación dun total de 16 alumnos/as durante 12 meses, o proxecto, que ten un orzamento de 391.492,32 euros, terá como finalidade a dotación e renovación do equipamento urbano. As actuacións concretas que se pretenden acometer son a renovación do palco da música e da ponte do Parque do Anllóns, a construción de gradas para espazos lúdicos e deportivos e a instalación de dúas pistas multideportivas.

O goberno municipal tamén aprobou a solicitude doutra subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria para o financiamento de dous proxectos orientados a mellorar a seguridade no polígono de Bértoa. Por unha banda preténdese mellorar a rede de hidrantes, cun orzamento de 86.519.69 euros, e, por outra, a instalación de sistemas de videovixilancia, que teñen un custe de 140.564,70 euros.

Así mesmo, a Xunta de Goberno decidiu solicitar outras axudas para a contratación de persoal: á Consellería de Economía, para a contratación de dous/dúas técnicos/as de orientación laboral e á Deputación da Coruña para o persoal da oficina de turismo.

Na sesión de hoxe deuse tamén luz verde a varias licenzas urbanísticas. En materia de contratación foron adxudicados a Gerosalud, por un importe anual de 19.042,50 euros e un período de 3 anos, prorrogables por dous máis, os servizos das especialidades preventivas de vixilancia da saúde, seguridade laboral, hixiene industrial e ergonomía/psicosocioloxía aplicada para o persoal municipal. O contrato administrativo do programa Concilia quedou deserto e o de mantemento das instalacións, equipos e sistemas de protección contra incendios prorrogouse por un ano.

Compartir: