Inicio Carballo ao día Hemeroteca A cuarta edición de Nada e Corre...

A cuarta edición de Nada e Corre reunirá este domingo en Carballo a 265 deportistas de 7 a 17 anos

A A.D. Fogar, entidade anfitrioa, estará representada por 51 triatletas

Xoves 13 de febreiro do 2020 Deporte

Gustavo Álvarez e Marcos Trigo, na presentación da proba

Gustavo Álvarez e Marcos Trigo, na presentación da proba

A piscina municipal e as inmediacións do complexo deportivo Carballo Calero acollerán este domingo 16 de febreiro, desde as 9 da mañá e ata aproximadamente as 14 horas, o IV Nada e Corre Concello de Carballo, primeira cita das clasificatorias de esta modalidade de tríatlon. Organizan a A.D. Fogar e Federación Galega de Tríatlon, en colaboración co Concello de Carballo, Carballo Deporte, Mundocio, Gadis, Policía Local, Protección Civil e uns 25 voluntarios do propio club carballés.

Participarán 265 deportistas de entre 7 e 17 anos, 30 máis que na pasada edición, de 15 clubs das localidades de A Coruña, Arteixo, Carballo, Cedeira, Ferrol, Lugo, Narón, Oleiros, Sada e Vilalba. A A.D. Fogar estará representada por 51 triatletas das súas escolas de base, dos que 17 pertencen á categoría feminina e os 34 restantes á masculina.

O concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o presidente da A.D. Fogar, Gustavo Álvarez, presentaron a proba esta mañá na casa do concello. Trigo agradeceulle á Federación Galega de Tríatlon a confianza depositada en Carballo e deulle ao Fogar “os parabéns polo seu traballo ao longo de todo o ano e pola súa capacidade e bo facer para que estes eventos veñan para Carballo”.

Gustavo Álvarez explicou os aspectos máis técnicos da competición e deulle as grazas aos colaboradores e patrocinadores, e ao Concello e a Carballo Deporte polas “facilidades que brindan sempre para organizar este tipo de probas a unha entidade como a nosa que, como sabedes, nos dedicamos á promoción da competición de base”.

Álvarez salientou o bo número de participantes que competirán este domingo en Carballo: “Contamos con 30 rapaces e dous equipos máis que o ano pasado; mesmo o Fogar terá 10 triatletas máis en competición que en 2019, o que quere dicir que o tríatlon segue medrando non só na nosa comarca senón en toda Galicia”.

Compartir: