Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello conta co compromiso de Costas do...

O Concello conta co compromiso de Costas do Estado de actuar en Baldaio tan pronto como a Xunta o autorice

Evencio Ferrero volveu a achegarse hoxe ata a zona para ver como evoluciona a situación

Xoves 13 de febreiro do 2020 Carballo ao día

Luis Lamas e Evencio Ferrero, en Baldaio

Luis Lamas e Evencio Ferrero, en Baldaio

Nos últimos tempos son constantes as visitas do goberno e dos técnicos municipais a Baldaio para ver como evoluciona a situación provocada pola desaparición da canle que comunicaba a lagoa co mar, e que leva xa varios meses taponada. Dada a falta de competencias do Concello de Carballo para intervir nese ámbito, o alcalde, Evencio Ferrero, está en contacto permanente co xefe da Demarcación de Costas do Estado, Rafael Eimil, que se comprometeu a realizar unha intervención tan pronto como a Xunta a autorice, xa que calquera actuación nese ámbito debe contar coa autorización de Conservación da Natureza.

Evencio Ferrero volveu a achegarse hoxe xoves ata Baldaio acompañado polo concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, dada a preocupación do Concello de Carballo polas consecuencias que está a ter e as que poida chegar a acadar a acumulación de auga. O alcalde volveu a insistir ao xefe da Demarcación de Costas do Estado na urxencia de adoptar algunha medida, pero Conservación da Natureza da Xunta aínda non emitiu informe ao respecto.

A canle está taponada por mor da acumulación de area

A canle está taponada por mor da acumulación de area

Ao mesmo tempo, tras o acordo ao que chegou a xefa territorial de Medio Ambiente coa asociación ecoloxista Arco Iris a finais do mes pasado para crear un grupo de traballo, no que o Concello de Carballo tamén se ofreceu a colaborar, estaba prevista unha primeira xuntanza para o día 8 pasado, pero foi aprazada para o mes que vén. Por parte do Concello xa se ofreceu cando empezou a acumularse a area a realización dun estudo segundo o cal só faría falla un investimento de 6.000 euros para liberar a canle, pero foi rexeitado polo organismo autonómico. Agora o problema é moitísimo maior e aquela cantidade, absolutamente insuficiente.

Compartir: