ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE
Cincuenta novas familias poderán incorporarse en breve ao programa de compostaxe doméstica
Na actualidade participan no proxecto un total de 273 vivendas de todo o concello
Mércores 19 de febreiro do 2020 Carballo ao día
Composteiro nunha vivenda da Brea
O programa de compostaxe doméstica que desenvolve dende hai seis anos o Concello de Carballo vai camiño de superar os 300 participantes en breve. Dende hoxe mesmo está aberto o prazo de solicitude para 50 novos composteiros, que se sumarán aos 273 que xa termos distribuídos, e en pleno funcionamento, por todo o territorio municipal.
As persoas interesadas poden descargar máis abaixo o impreso de solicitude ou recollelo na Casa do Concello, e presentalo debidamente cuberto no Rexistro Xeral. Á hora da adxudicación dos composteiros terán preferencia as 13 familias que quedaron en lista de agarda na campaña de setembro, e a partir de aí a asignación farase por orde de solicitude. No caso de que haxa máis peticións que recipientes abrirase unha nova listaxe de agarda para futuras campañas.
Ademais do composteiro, as familias participantes recibirán un manual de uso e unha formación básica. Dende as concellarías de Medio Ambiente e Obras e Servizos, que xestionan o proxecto, faise unha valoración moi positiva da experiencia desenvolvida nestes últimos seis anos, tanto pola implicación da cidadanía como pola contribución que a compostaxe supón á eliminación da fracción húmida dos residuos sólidos, que é a máis pesada e supón un maior custe de tratamento. De feito, grazas á colaboración veciñal conseguimos eliminar dos colectores verdes máis de 100 toneladas de RSU ao ano.