A veciñanza de Oza e Razo xa pode solicitar os enganches á nova rede de abastecemento de auga
A empresa construtora, que ten tres equipos traballando na obra, está realizando xa as acometidas
Xoves 20 de febreiro do 2020 Carballo ao día
Evencio Ferrero e Luis Lamas, nunha visita á obra
A construción da rede de abastecemento de auga ás parroquias de Oza e Razo, que constitúe o maior investimento realizado polo Concello de Carballo con fondos propios, entra xa na súa recta final, como puideron comprobar o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas. A empresa adxudicataria, Vázquez y Reino, ten traballando en distintos puntos da rede a tres equipos de operarios, que están a realizar xa as acometidas, e antes do verán a obra estará rematada.
Os futuros usuarios e usuarias xa poden solicitar os enganches á nova rede dirixíndose ás oficinas de Gestagua, empresa concesionaria do ciclo integral da auga. Dende o Concello de Carballo animámosvos a aproveitar a execución da obra, xa que deste xeito evitaredes os gastos que suporá, unha vez que estea rematada, a realización de gabias e a reposición dos bens públicos afectados.
Na parroquia de Oza, a obra que está a acometer a empresa Vázquez y Reino levará a auga aos lugares das Encrucilladas, Vilar do Carballo, Oza Vella, As Torres e O Rodo. A ampliación a Serantes, que xa figura nos orzamentos deste ano, e a Vilar de Uz, un proxecto no que tamén estamos a traballar, permitirán completar toda a parroquia.
En Razo a rede abrangue os lugares de Razo da Costa, Santa Mariña e Arnados. Tanto en Vilar de Cidre coma en Nétoma xa se aproveitou para poñer as canalizacións cando se fixeron as obras de saneamento e pavimentación, e nos orzamentos deste ano figuran 416.971,86 euros para ampliar as redes de abastecemento e saneamento tamén aos lugares de Cambrelle (Razo) e Cambre (Lema).
Ademais de garantir o abastecemento de auga dende unha rede pública, a obra da traída a Oza e Razo constitúe o tronco do subsistema norte, dende o cal partirán as derivacións a outras parroquias. De feito, en breve licitaremos o proxecto de abastecemento ao núcleo de Lema, cun orzamento de 431.876,23 euros, e nos orzamentos do Concello de Carballo para este ano figura tamén unha partida de 171.006,65 euros para estender a rede a Serantes (Oza) e Xoane (Goiáns).