Un vertido de purín no río Bardoso acredita a eficacia da dobre captación de auga de Carballo
O Seprona da Garda Civil e o Plan de Control de Vertidos da Xunta investigan a orixe da contaminación
Sábado 22 de febreiro do 2020 Carballo ao día
Captación do río Bardoso
Un vertido de purín que se produciu a última hora da tarde do venres na zona do Zarrallo obrigou a parar a captación do río Bardoso para evitar que a contaminación puidese chegar ao depósito do Seixo Branco e á rede. O vertido non afectou en ningún momento ao subministro de auga xa que automaticamente entrou en funcionamento a captación do río Anllóns e iniciouse o abastecemento dende o depósito do Paraíso.
Este episodio de vertidos ilegais confirma a eficacia da dobre captación de auga da que dispoñemos dende fai cinco anos. De feito, unha das características da actuación é que os dous depósitos están interconectados, de maneira que no caso de avaría nun deles entraría en funcionamento o outro e o servizo está sempre garantido.
Aínda que a contaminación non afectou ao abastecemento de auga, tanto o Seprona da Garda Civil como o Plan de Control de Vertidos da Xunta de Galicia están a investigar a súa orixe para intentar determinar a autoría e iniciar as accións legais correspondentes.