Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno Local adxudicou as obras da...

A Xunta de Goberno Local adxudicou as obras da rede de saneamento de Taboada e A Granxa por 231.000 euros

Arranca o procedemento de contratación do servizo de limpeza dos colexios por un prazo de catro anos e un orzamento total de 1,3 millóns de euros

Luns 24 de febreiro do 2020 Carballo ao día

En Entrecruces saneáronse o ano pasado os lugares da Redonda, A Igrexa, O Piñeiro e Outeiriños

En Entrecruces saneáronse o ano pasado os lugares da Redonda, A Igrexa, O Piñeiro e Outeiriños

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza de hoxe a adxudicación das obras da rede de saneamento de Taboada e A Granxa, na parroquia de Entrecruces, á empresa Excavaciones y Obras Candal. O orzamento acada os 231.080,81 euros e o prazo de execución será de cinco meses a partir da sinatura do contrato. O proxecto inclúe a instalación de 846 metros de canalización e 26 pozos de rexistro en Taboada, mentres que na Granxa colocarante 822 metros de rede, 35 pozos e un bombeo. En ámbolos dous casos faranse as reposicións correspondentes nas vías afectadas.

O Concello de Carballo está a realizar actualmente un investimento de máis de tres millóns de euros en obras hidráulicas. Ademais do abastecemento a Oza e Razo, nestes momentos tamén temos en marcha as obras de saneamento e abastecemento aos lugares de Figueroa e Outeiro, na parroquia de Sísamo, e vimos de asinar coa empresa Vázquez y Reino os contratos correspondentes ás redes de saneamento entre A Piña e Evas, na parroquia de Sofán; así coma nos lugares de O Pinar e Pedra do Sal, en Lema; Vilar do Carballo, en Oza, e Razo da Costa e Santa Mariña, en Razo.

Así mesmo, está en fase de licitación a obra do saneamento de Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar, na parroquia de Artes, e con cargo ao superávit do ano pasado acometeremos, ademais, o abastecemento de auga dende Santa María de Ardaña ata Canosa, en Rus.

Outros acordos

Na sesión de hoxe, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou facturas por importe de 64.588,80 euros, gratificacións, solicitude de subvencións para o Festival Carballo Interplay, para a contratación de persoal para diversas áreas e para o funcionamento do Centro de Información á Muller (CIM) e licenzas urbanísticas, entre outros asuntos.

En materia de contratación iniciouse o procedemento relativo aos servizos de limpeza dos colexios de infantil e primaria e para as escolas unitarias e infantís para o período 2020-2024 e por un importe total para os catro anos de 1.340.561,93 euros. Ademais foi adxudicado o subministro por renting de dous vehículos para a Policía Local, tamén por catro anos e un prezo de 103.382,40 euros, e aprobouse unha prórroga no prazo de execución das obras do centro social de Bértoa, que deberá estar rematado o vindeiro 19 de abril.

Compartir: