Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os 13.560 quilos de aceite recollidos o ano...

MAÑÁ XOVES REPARTIREMOS FUNÍS NA RÚA CORUÑA

Os 13.560 quilos de aceite recollidos o ano pasado en Carballo evitaron a contaminación de 15 millóns de litros de auga

O Concello de Carballo continuará potenciando a recollida selectiva dun residuo tan contaminante mediante a instalación de seis novos colectores

Mércores 26 de febreiro do 2020 Carballo ao día

Dende a instalación dos novos colectores de aceite, en agosto do 2018, estamos a recoller unha media de 1.130 quilos ao mes. O ano pasado, segundo os datos que vén de facilitarnos o xestor autorizado que presta o servizo, a veciñanza do noso concello depositou nos colectores específicos un total de 13.560 quilos de aceite de cociña usado, o que permitiu evitar a contaminación de 14.916.000 litros de auga.

Nestes momentos hai 22 puntos de recollida, a maior parte distribuídos polos distintos barrios do casco urbano. Pero a experiencia piloto que iniciamos en Razo, Pedra do Sal e Berdillo tamén se estende polas parroquias a petición da veciñanza, e nestes momentos tamén hai contedores en Ardaña e Sísamo. Nos vindeiros días está previsto seguir ampliando o servizo con seis novos colectores.

Unha das vantaxes deste novo sistema é que os colectores están situados na vía pública, o que permite que poidan ser utilizados os 365 días do ano e as 24 horas do día. A recollida nos novos colectores vai dirixida aos fogares. As familias deben depositar o aceite de cociña usado en botellas de plástico reutilizadas e pechadas.

Para facilitar o depósito, desde o Concello de Carballo ofrecemos á veciñanza funís adaptables ás botellas que poden solicitarse, de balde e ata fin de existencias, na Casa do Concello (departamento de Medio Ambiente). Pero hoxe, coincidindo co mercado semanal, realizaremos unha campaña informativa a pé de rúa. A veciñanza poderá recoller no posto que colocaremos na rúa Coruña un funil e un folleto informativo.

Compartir: