Entidades e clubs escolleron aos seus representantes no Consello Deportivo Municipal
Nas votacións participaron 25 dos 46 colectivos con dereito a voto
Xoves 27 de febreiro do 2020 Deporte
O movemento asociativo elixiu aos seus representantes no Consello Deportivo Municipal, un órgano colexiado de asesoramento, consulta, proposta, información e participación sobre a actividade deportiva no noso concello que se renova en cada mandato muncipal. 25 dos 46 clubs e entidades que integraban o censo exerceron o seu dereito a voto.
As eleccións celebráronse este mércores 26 no auditorio do Fórum Carballo. A mesa electoral estivo composta por José García Gesto, como presidente; Aurelio Campos Fernández, como vogal, e Marcos Trigo, concelleiro de Deporte, como secretario.
O Consello Deportivo Municipal está formado polo alcalde, que é ademais o seu presidente; un vogal de cada grupo político con representación na corporación, cinco representantes de asociacións e clubs deportivos e un representante de outras entidades que traballen vencelladas ao eido do deporte. En representación destas últimas foi elixida a Fundación Luis Calvo Sanz, que presentou a única candidatura e obtivo a totalidade dos votos. Polo que respecta aos clubs e entidades deportivas, presentáronse oito candidaturas e as cinco máis votadas foron as do Club Ciclista Carballo, Escolas Balonmán Xiria, S.D. Sofán, Escola Basket Xiria e A.D. Media Ducia. Como suplentes estarán o Club Ciclista Monteneme, Escola Lubiáns de Hockey a Patíns e Virgentis Salvamento Bergantiños.
Unha vez elixidos os/as representantes do movemento asociativo e nomeados por parte dos grupos políticos os seus vogais, o próximo paso será a convocatoria da sesión constitutiva do renovado Consello Deportivo Municipal.