Inicio Carballo ao día Hemeroteca Accións na rúa, obradoiros e teatro...

O MARTES 3, PRIMEIRA ACTIVIDADE CON “A HISTORIA EN FEMININO”, PARA ESCOLARES DE 4 A 8 ANOS

Accións na rúa, obradoiros e teatro integran a programación transversal do Concello de Carballo arredor do 8M

Aberto o prazo de inscrición para o 1º Maratón Fotográfico “Enfócate cara a igualdade”, con 800 euros en premios

Luns 2 de marzo do 2020 Carballo ao día

A igualdade é un obxectivo compartido por todas as áreas de goberno do Concello de Carballo, e por iso  na programación que desenvolveremos arredor do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, participan distintos departamentos coordinados pola Concellaría de Igualdade. “Non queremos que o feminismo sexa algo só da nosa área, senón que intentamos que sexa transversal, do mesmo xeito que intentamos implicar á veciñanza de todas as franxas de idade”, explica a concelleira Maica Ures.

Con esa finalidade, este martes 3 de marzo arrinca unha programación que se estenderá ao longo de todo o mes e ademais con propostas tan interesantes como o maratón fotográfico “Enfócate cara a igualdade” ou o taller de ciclismo para mulleres “Pedaleando pola igualdade”. Teatro para adolescentes e adultos/as, contacontos infantís, obradoiros e accións na rúa encherán de contido as vindeiras semanas.

ESTAS SON AS ACTIVIDADES EN DETALLE

  • 3 de marzo. “A historia en feminino” (18:00 horas, Biblioteca Rego da Balsa), para nenos e nenas de 4 a 8 anos. Un contacontos que, como explica Maica Ures, “achegaranos unha visión máis real da historia, amosando o importante papel das moitas e tamén esquecidas mulleres da historia”.
  • 8 de marzo. Feminismo a pé de rúa (horario de mañá, Praza do Concello). Coincidindo co Día Internacional da Muller e co primeiro domingo de feira do mes de marzo “queremos achegar o feminismo a toda a veciñanza cun stand onde haberá unha árbore das desigualdades  distintas actividades que nos farán reflexionar e trasladar á veciñanza de Carballo un concepto máis real do que moita xente pode entender como movemento feminista”, sinala a concelleira.
  • 14 de marzo. Obradoiro “Pedaleando pola igualdade” (Aparcamento do Pazo da Cultura, de 11:00 a 13:00 horas). Nesta actividade, na que participa a Concellaría de Mobilidade, “queremos poñer en valor a bicicleta, que foi un elemento tan importante para a liberación feminina, e pretendemos acabar facendo unha ruta por todo Carballo para mulleres”, explica Maica Ures. O do día 14 será o primeiro obradoiro, porque pode participar calquera muller, aínda que non saiba andar en bicicleta, porque para iso van servir os talleres, e aínda que non teña bicicleta, porque se lle facilitará. En función das necesidades haberá máis ou menos obradoiros e a actividade rematará cunha ruta ciclista para mulleres. Xa podes inscribirte en carballoennegro@gmail.com ou no número de teléfono 638 274 055.
  • 15 de marzo. Maratón fotográfico “Enfócate cara a igualdade”. Esta é unha actividade que xa estaba programada para o 25N e que tivo que ser adiada polo mal tempo. Hai tres categorías (infantil, xuvenil e sénior) e 800 euros en premios. “O que pretende _explica Maica Ures_ é que nos movamos por todo o concello de Carballo facendo fotos nas que se plasmen situacións de igualdade, desigualdade, violencia de xénero e un pouco todo o que nos chame a atención; levalo un pouco ao noso terreo e velo aquí, non que este tipo de cousas pasen porque as vemos na tele, senón que aquí tamén podemos atopalas”. O prazo de inscrición está aberto e as bases están dispoñibles ao final desta nova.
  • 17 de marzo. “Somos iguais” (18:00 horas, Biblioteca Rego da Balsa). Contacontos para nenos e nenas de 4 a 8 anos para intentar rachar cos estereotipos de xénero.

TEATRO, CINE E OBRADOIROS PARA ADOLESCENTES

A Concellaría de Cultura achéganos tres propostas específicas para este mes:

  • 6 de marzo. “Invisibles”, de Redrum Teatro. Función matinal para o alumnado de 4º da ESO ás 10.30 horas no Pazo da Cultura, e na que ademais haberá un coloquio coa autora do libro no que se basea a montaxe, Montse Fajardo. Ás 21.00 horas, función aberta a toda a cidadanía, con entradas a 4 euros (3 euros, prezo reducido).
  • 26 de marzo. “Idénticas”, de Luis Avilés (Pazo da Cultura, 20:00 horas). Dentro do ciclo de documentais galegos “Mundos silenciados” coñeceremos a historia de dúas irmás xemelgas cunha enfermidade súper rara. Entrada libre ata completar aforo.
  • 27 de marzo. “Liberto”, de Marelas Producións (Pazo da Cultura, 21:00 horas). Teatro para público adulto, no que dende unha sala de espera, dúas actrices acompañadas de música en directo, interpelan directamente ao público, reivindicando o imperfecto, o humano e axudándonos a o comprender que a propia morte é parte da vida. Entradas a 4 euros (3, reducido).

Para o alumnado dos IES tamén están programados obradoiros “Sen diferenzas”, que xa se viñeron facendo con anterioridade, e que tratan de propiciar unha reflexión “sobre como os estereotipos de xénero determinan en certa medida a elección da túa saída profesional, e que, máis alá da perspectiva de xénero, a túa saída profesional debe depender das túas habilidades”, sinala Maica Ures. “Pensamos _engade a concelleira_ que os rapaces e as rapazas deben tomar as decisións sobre o seu futuro vital libres de estereotipos de xénero”.

Descargas

Compartir: