A corporación municipal aprobou por unanimidade unha declaración institucional do Día da Muller
Ademais da iniciativa do BNG tamén saíu adiante unha moción do PP sobre a recollida das dexeccións das mascotas da vía pública
Martes 3 de marzo do 2020 Carballo ao día
Imaxe do pleno
A corporación municipal celebrou este luns o pleno correspondente ao mes de febreiro, adiado para evitar a coincidencia co Luns de Entroido. O debate prolongouse durante máis de dúas horas debido, principalmente, ao número de mocións presentadas polos distintos grupos políticos. Das cinco que figuraban na convocatoria saíron adiante a do Partido Popular sobre a recollida das dexeccións das mascotas da vía pública e a do BNG sobre o 8M, que finalmente foi aprobada por unanimidade como declaración institucional do Día da Muller.
Así foron as votacións
- Aprobación da acta da sesión anterior. A acta foi aprobada, aínda que cos dous votos en contra dos concelleiros de Terra Galega.
- Recoñecemento de obrigas pendentes de exercicios anteriores. A corporación aprobou o pago de facturas pendentes do ano 2019 por algo máis de 248.000 euros cos votos a favor do BNG e as abstencións dos demais grupos.
- Modificación do contrato de xestión da recollida de lixo para a implantación da 5ª fracción. A proposta recibiu o apoio do BNG, mentres que o PP abstívose e PSOE e TeGa votaron en contra.
- Ampliación do aparcamento regulado coa zona azul para crear 11 prazas na rúa Vila de Negreira e 7 na rúa Lugo. Todos os grupos votaron a favor agás TeGa, que se abstivo.
- Estudo de detalle da fachada costeira de Razo. A oposición abstívose.
- Moción do PSOE sobre a creación dunha liña de axudas bono-taxi para persoas con mobilidade reducida. Rexeitada polo BNG argumentando que ese servizo xa o presta o 065. PSOE e PP votaron a favor e TeGa abstívose.
- Moción do PSOE sobre parques e xardíns. Foi retirada a petición do BNG, xa que dende o Concello xa se está a traballar en propostas semellantes ás do PSOE.
- Moción de TeGa sobre a retransmisión de plenos e mesas de contratación. Rexeitada polo resto dos grupos.
- Moción do PP sobre a recollida de dexeccións de mascotas na vía pública. Aprobada coa abstención de TeGa, e despois da retirada, a proposta do BNG, do punto relativo á creación de brigadas veciñais.
- Moción do BNG con motivo do 8 de marzo. A moción presentada polo BNG, e que recolle o texto do movemento feminista, foi finalmente aprobada como declaración institucional do Concello de Carballo por unanimidade.
No apartado de rogos e preguntas, TeGa interesouse por asuntos de persoal e pola execución de varias obras e o PP, pola travesía de Sísamo.