Carballo terá voz nunha mesa temática sobre as cidades 30 no VII Congreso da Rede de Cidades que Camiñan
O concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane; a concelleira de Planificación, Milagros Lantes, e o arquitecto municipal, Alfredo Garrote, representan ao noso concello en Cádiz
Xoves 5 de marzo do 2020 Carballo ao día
A asemblea xeral de socios marca, a partir das 16.00 horas de hoxe, o arranque do Congreso da Rede de Cidades que Camiñan, que ten a sede de súa sétima edición en Cádiz. Na cidade andaluza, xunto aos representantes doutros 45 municipios de 3 países, estarán o noso concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e a concelleira de Planificación e Estratexia Urbana, Milagros Lantes, que, xunto co arquitecto municipal, Alfredo Garrote, participan no nome do Concello de Carballo.
O congreso, que este ano ten como lema “O planeta pídenos camiñar”, conta con máis de cen persoas inscritas para a xornada de hoxe, que, ademais da asemblea xeral, inclúe unha visita guiada a Cádiz para coñecer os avances da cidade en mobilidade. As actividades de mañá e do sábado serán abertas ao público, polo que se prevé que aumente aínda máis a asistencia.
O venres, despois das benvidas do alcalde de Cádiz e do presidente da rede e alcalde de Pontevedra, arrincarán as intervencións e as mesas temáticas. Nunha delas, a que analizará o movemento de cidades 30, participará Carballo. Pola tarde terá lugar a entrega dos Premios Cidades que Camiñan 2020, que recaeron en La Rinconada, Valencia e Bilbao. A cidade vasca inaugura a categoría “Cidade amiga”, reservada para municipios que non forman parte da rede pero que destacan polos seus esforzos na promoción da “camiñabilidade”.
Entre os numerosos e interesantes temas nos que se traballará durante estes tres días, o sábado centrarase na mobilidade infantil e a protección dos centros escolares ante o problema da excesiva presenza de coches nas súas contornas. O congreso rematará dun debate escolar e unha experiencia dinámica no exterior do Palacio de Congresos de Cádiz.