A concelleira de Planificación e Estratexia Urbana presentou en Cádiz os avances do Concello de Carballo en mobilidade
Milagros Lantes participa, xunto co concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e o arquitecto municipal, Alfredo Garrote, no Congreso da Rede de Cidades que Camiñan
Venres 6 de marzo do 2020 Carballo ao día
A concelleira de Planificación e Estratexia Urbana, Milagros Lantes, presentou hoxe en Cádiz, no marco do Congreso da Rede de Cidades que Camiñan, os avances de Carballo en mobilidade. Precisamente, grazas ás políticas implementadas nos últimos anos, o noso concello acadou no 2018 o premio Cidades que Camiñan na categoría de cidades intermedias.
Carballo compartiu mesa con Valencia e Sevilla, outras dúas cidades que apostan pola redución da velocidade como unha das medidas imprescindibles para mellorar a seguridade viaria e para recuperar os espazos públicos para a cidadanía. Milagros Lantes comezou a súa intervención coa proxección dun vídeo que recolle, a grandes trazos, as principais accións impulsadas dende o Concello para a consecución dese obxectivo. A continuación explicou o proceso iniciado coa elaboración da Estratexia de mellora do espazo público e a mobilidade e a aprobación da actual ordenanza de tráfico, que ten como unha das súas medidas estrela o establecemento do límite de velocidade de 30Km/hora en toda a zona urbana.
O congreso, que este ano ten como lema “O planeta pídenos camiñar”, conta con máis de cen participantes. Hoxe pola tarde tivo lugar a entrega dos Premios Cidades que Camiñan 2020, que recaeron en La Rinconada, Valencia e Bilbao. A cidade vasca inaugura a categoría “Cidade amiga”, reservada para municipios que non forman parte da rede pero que destacan polos seus esforzos na promoción da “camiñabilidade”. Mañá será o último día e estará centrado na mobilidade infantil e na protección dos centros escolares, dúas cuestións nas que tamén estamos a traballar con iniciativas como o pedibús ou a limitación da velocidade a 20 Km/hora nas contornas escolares.