Asinado o contrato para a construción da rede de saneamento de Taboada e A Granxa cun investimento de 231.000 euros
O Concello de Carballo xeneraliza a utilización de procesos telemáticos para este tipo de actos administrativos
Martes 10 de marzo do 2020 Carballo ao día
As obras de Sísamo están case rematadas
Os procesos telemáticos esténdense no Concello de Carballo á sinatura dos contratos de obras, servizos e subministro, o que evita desprazamentos ás empresas, reduce o consumo de papel e axiliza os trámites administrativos.
Entre os primeiros contratos realizados con sinatura electrónica atópase o correspondente á rede de saneamento de Taboada e A Granxa, na parroquia de Entrecruces, que será executada pola empresa Excavaciones y Obras Candal. O orzamento acada os 231.080,81 euros e o prazo de execución é de cinco meses. O proxecto inclúe a instalación de 846 metros de canalización e 26 pozos de rexistro en Taboada, mentres que na Granxa colocarante 822 metros de rede, 35 pozos e un bombeo. En ámbolos dous casos faranse as reposicións correspondentes nas vías afectadas.
O Concello de Carballo está a realizar actualmente un investimento de máis de tres millóns de euros en obras hidráulicas. Ademais do abastecemento a Oza e Razo, nestes momentos tamén temos en marcha as obras de saneamento e abastecemento aos lugares de Figueroa e Outeiro, na parroquia de Sísamo, que está xa na súa recta final por parte da empresa Vázquez y Reino, que a continuación acometerá as redes de saneamento entre A Piña e Evas, na parroquia de Sofán; así coma nos lugares de O Pinar e Pedra do Sal, en Lema; Vilar do Carballo, en Oza, e Razo da Costa e Santa Mariña, en Razo.
Así mesmo, están en fase de avaliación as ofertas presentadas para a obra do saneamento de Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar, na parroquia de Artes, e con cargo ao superávit do ano pasado acometeremos, ademais, o abastecemento de auga dende Santa María de Ardaña ata Canosa, en Rus.