O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay adíase ata novembro para evitar o risco de contaxio por coronavirus
O Concello de Carballo decidirá, en función da evolución da situación e das recomendacións das autoridades sanitarias, as medidas a adoptar con respecto ás actividades municipais
Mércores 11 de marzo do 2020 Carballo ao día
A crise sanitaria provocada polo coronavirus obríganos a adiar para novembro o Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que estaba previsto para os días 2, 3 e 4 de abril. A Concellaría de Promoción Económica e Turismo adoptou a decisión “por responsabilidade” e para “evitar o risco de contaxio”, tal como indicou o concelleiro Xosé Regueira, fundamentalmente porque estamos a falar dun evento internacional con gran repercusión a nivel estatal e que este ano, ademais, contaba con Portugal como país convidado.
De feito, estaba prevista a participación de cadeas e plataformas lusas como RTP Lab ou Canal 180, ademais de Playz (RTVE), Flooxer (Atresmedia), Globomedia (Mediapro) ou TVG, e de numerosas produtoras do país veciño no Día PRO. Dende a Concellaría de Promoción Económica agardamos volver a contar con elas na segunda quincena de novembro, na que encadraremos a celebración do Carballo Interplay.
En principio quedan en suspenso ata o verán todos os eventos programados pola área de Turismo nos que, pola súa afluencia, se considere que podería existir risco de contaxio, aínda que o Concello de Carballo decidirá, en función da evolución da situación e das recomendacións das autoridades sanitarias, as medidas a adoptar con respecto ás actividades programadas dende os distintos departamentos municipais.