Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello anima aos veciños a participar...

SOLIDARIEDADE

O Concello anima aos veciños a participar na campaña ‘Comparte Saúde. Doa sangue’

Venres 28 de xullo do 2006

O alcalde de Carballo manifestou na presentación que se trata dun "chamamento específico e profundo polas circunstacias actuais, co preocupante descenso no número de doazóns, que obrigou a suspender algunha operación quirúrxica programada. Confiemos en que Carballo sexa un concello solidario para que estas taxas e número de doazóns estea en parámetros normais". Julio Flores, pola súa parte, salientou que "estamos nunha época difícil, como é o verán, e vense de producir un descenso do 20% en doazóns no principio do mes de xullo. O obxectivo é que os hospitais volvan a contar cun nivel alto de reservas de seguridade, ao igual que o Centro de Transfusión, para o que se precisa entre 450 e 500 doazóns de sangue ao día". A campaña Comparte saúde. Doa sangue lévase a cabo en 250 concellos de toda Galicia. Carballo contará tamén coa axuda do equipo de Protección Civil, que ofrecerá información sobre a campaña.

O pasado ano 2005 houbo en Carballo 1.301 doazóns, o que permitiu acadar o índice de doazón de sangue recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS), arredor de 46 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. O obxectivo do Centro de Transfusión con esta campaña de verán é incrementar esta taxa de doazón. As persoas que desexen participar poden acudir á unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia que vai estar na Praza do Concello de Carballo o martes 1 e o mércores 2 de agosto, en horario de 10.00 a 14.00 horas, e de 16.00 a 21.00 horas. Os doantes recibirán o obsequio dunha camiseta durante a campaña.

Compartir: