O CONCELLO AGRADECE E APLAUDE A INICIATIVA
O IES Monte Neme e varias empresas locais únense para fabricar máscaras protectoras contra o COVID-19
Persoal de Protección Civil realizou hoxe un reparto de 40 pantallas para o persoal do centro de saúde e o PAC
Venres 27 de marzo do 2020 Carballo ao día
A crise sanitaria e social provocada polo COVID-19 está agudizando o enxeño e a solidariedade, dúas características que definen o proxecto no que está a traballar o IES Monte Neme, en coordinación co Concello e coa colaboración de varias empresas carballesas, para fabricar máscaras protectoras para as persoas que, polas súas profesións, están máis expostas a un posible contaxio por coronavirus.
O instituto sumouse á iniciativa xa internacional “Coronavirus Makers”, que agrupa a unha comunidade cada vez más ampla para fabricar todo tipo de elementos de protección utilizando impresoras 3D. Grazas aos equipos dispoñibles na Aula Maker do centro carballés, ao traballo de profesorado e alumnado e á colaboración de empresas que están a facilitar material, estanse a fabricar “viseiras” que serven como monturas para as pantallas, que contan a maiores cunha lámina de acetato rectangular.
As 20 primeiras foron distribuídas este xoves en farmacias carballesas, que demandaban este tipo de proteccións. O Concello de Carballo, que agradece e aplaude a iniciativa, está a colaborar na distribución. Hoxe, a través do servizo municipal de Protección Civil, entregáronse 25 no centro de saúde e 15 no PAC, e está previsto que nos próximos días tamén poidan dispoñer delas o propio servizo de emerxencias, a Policía Local e a Garda Civil. O IES Monte Neme ofrécese a facilitalas a quen as precise, en primeiro lugar a nivel local, e no caso de que sobren, á plataforma internacional da que forma parte.
O instituto está en contacto co Concello de Carballo, así coma coas empresas locais, “procurando a posta en común de coñecementos, materiais e equipamento, para atender as posibles necesidades xurdidas nos sectores prioritarios, derivadas da crise do COVID-19”, tal como explican dende a dirección. Así mesmo, en colaboración con empresas carballesas, estase a traballar no deseño doutros modelos de máscaras e doutros elementos demandados polos hospitais.