O Concello complementará as axudas para comedores escolares ata o importe máximo autorizado pola Xunta de Galicia
A Administración galega establece un tope de 4,5 euros por día lectivo e menú
Luns 30 de marzo do 2020 Carballo ao día
Comedor do CEIP Fogar
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns 30 de marzo a orde na que se establecen as axudas ás familias do alumnado que fai uso de comedores escolares de maneira gratuíta nos centros públicos de infantil, primaria e secundaria obrigatoria. As axudas consisten nunha compensación do custo diario do menú por comensal e polos días lectivos de suspensión do servizo como consecuencia das medidas adoptadas pola pandemia do COVID-19.
O “importe máximo” fixado pola Xunta de Galicia é de 4,50 euros por menú e día, pero por parte da Administración autonómica descóntanse o gastos de persoal e mantemento das instalacións, polo que a cantidade redúcese ata 2,5 euros. A Concellaría de Igualdade e Benestar achegará os 2 euros a maiores para compensar ás familias coa totalidade do custo. A orde da Xunta establece que “a percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, ben que o importe da axuda concedida en ningún caso poderá, en concorrencia coas outras subvencións ou axudas, superar o custo máximo do prezo público ou tarifa establecido para os comedores escolares fixado en catro euros con cincuenta céntimos (4,50 €)”. Debido a esta limitación, de obrigado cumprimento, o Concello de Carballo lamenta ter que reducir o importe global das axudas inicialmente previstas e anunciadas.
A Xunta establece dous pagos. O primeiro corresponderá co 28 días do estado de alarma, tras a prórroga aprobada polo Congreso dos Deputados. As familias deben solicitar a axuda antes do 6 de abril ou ben na sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos propios centros escolares. Así mesmo, establece un prazo de 5 días, a partir da data de resolución, para efectuar os pagos.