Unha empresa especializada encárgase das limpezas, que se levan a cabo periodicamente en todo o territorio municipal
O Concello de Carballo reforza o servizo de desinfección en edificios e espazos públicos
Nas oficinas municipais hai atención ao público con cita previa exclusivamente para xestións de padrón, fe de vida e rexistro de documentos urxentes
Xoves 2 de abril do 2020 Carballo ao día
Desinfección nas oficinas de emprego do Fórum
O Concello de Carballo conta cunha empresa especializada para realizar a desinfección de edificios e espazos públicos, incidindo especialmente nos lugares máis frecuentados pola cidadanía ou vinculados a algún caso de contaxio polo COVID-19.
Os luns, mércores e venres desinféctanse as beirarrúas e zonas de paso tanto no casco urbano coma na zona rural, aínda que con maior intensidade nas contornas dos establecementos que están abertos ao público, como supermercados ou outro tipo de establecementos de alimentación, quioscos, farmacias, oficinas bancarias, Correos... así coma os exteriores do centro de saúde e as residencias de maiores.
Os martes, xoves e sábados realízanse as desinfeccións no Mercado Municipal, en xeral en todo o edificio e en particular nas superficies susceptibles de entrar en contacto con vendedores e clientela.
As primeiras desinfeccións realizáronse o 18 de marzo no Fórum Carballo, na sede da Asociación Antidroga Vieiro e na Unidade de Condutas Adictivas (UCA), que mantén o servizo aos pacientes habituais e agora tamén aos que antes recibían atención ambulatoria.
Tamén se están a realizar limpezas na Casa do Concello, na que continúa habendo actividade diaria, aínda que de cara ao público só se atenden presencialmente, previa cita no 981 704 100, xestións relacionadas con padrón, fes de vida e rexistro de documentos urxentes.
Outras instalacións que se desinfectan regularmente son as da Policía Local. Inicialmente as dependencias policiais eran desinfectadas tamén en días alternos, pero dende o 26 de marzo faise a diario, coincidindo co cambio de quenda da mañá. Neste caso, ademais da pulverización dos locais tamén se realiza unha desinfección manual de todas as superficies susceptibles de entrar en contacto, como os teléfonos, os interruptores da luz, os teclados dos ordenadores, ou as portas, entre outras. Ademais, cada grupo operativo utiliza sempre o mesmo vehículo durante o ciclo de traballo, e unha vez rematado procédese á súa desinfección.