DESDE FEBREIRO TEMOS 6 NOVOS PUNTOS DE RECOLLIDA
Recollidos no primeiro trimestre deste ano 3.828 quilos de aceite de cociña usado
A media mensual increméntase en 146 quilos con respecto ao ano 2019
Luns 6 de abril do 2020 Carballo ao día
Un dos novos colectores, no cruce de Ánxel Fole e Rúa Baixa
No primeiro trimestre deste ano recolléronse no noso concello 3.828 quilos de aceite de cociña usado, que evitaron a contaminación de 4.210.800 litros de auga. A aceptación do servizo vai en aumento, o que se traduce nun incremento mensual de 146 litros con respecto á media do ano pasado.
Nestes momentos hai 28 puntos de recollida, tras a colocación de seis colectores a finais de febreiro, catro na zona urbana (cruces Gran Vía-Vila de Corme, Ánxel Fole-Rúa Baixa e Avenida da Milagrosa-Avenida de Fisterra e rúa Luis Calvo á altura da estación de autobuses), un na Feira de Berdillo e outro xunto ao Centro Social de Imende. Paralelamente puxéronse en marcha unha campaña informativa e un reparto masivo de funís para facilitar o depósito do aceite nas botellas que quedaron interrompidos pola crise sanitaria provocada polo COVID-19, pero que retomaremos cando sexa posible.
Os colectores están situados na vía pública, o que permite que poidan ser utilizados os 365 días do ano e as 24 horas do día. A recollida vai dirixida ás familias, que deben depositar o aceite de cociña usado en botellas de plástico reutilizadas e pechadas.