CRISE SANITARIA
O 10% das persoas maiores de 70 anos coas que contactamos dende Servizos Sociais precisaron algún tipo de axuda
O persoal da Concellaría de Igualdade e Benestar conseguiu contactar ata agora con 690 veciños e veciñas
Martes 7 de abril do 2020 Carballo ao día
Servizos Sociais conta coa colaboración de Protección Civil
O persoal de Servizos Sociais conseguiu contactar ata o momento con 690 persoas maiores de 70 anos, dentro da campaña impulsada dende a Concellaría de Igualdade e Benestar coa finalidade de localizar á poboación máis vulnerable ante a crise sanitaria provocada polo COVID-19 para poder proporcionarlle os recursos necesarios en cada caso.
De todas as persoas coas que se contactou telefonicamente, 15 precisaron axuda de algún tipo. “Outras dixeron que de momento non, pero que seguramente a precisarían de ampliarse o confinamento durante moito máis tempo”, indica a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, que ademais reiterou o chamamento á cidadanía para que se se ten coñecemento de persoas que vivan soas, en especial maiores ou con necesidades, se comunique a Servizos Sociais chamando ao 981 704 706. Por parte dos/as traballadores/as sociais farase un seguimento de cada caso.
Dende Servizos Sociais tamén estamos a ofrecer, en colaboración con Protección Civil e a Brigada Municipal de Obras, un servizo de entrega de alimentos e/ou medicamentos a domicilio. Así mesmo, a raíz das necesidades detectadas entre as persoas coas que contactamos, e tamén como consecuencia do peche de centros de día, incrementamos o programa Xantar na Casa con 11 novos/as usuarios/as, e ademais entregamos vales de alimentos a 20 familias máis.
Así mesmo, estamos realizando a diario un seguimento de varios casos nos que se precisa asistencia psicosocial e psicolóxica.
Por outra banda, dende o Centro de Información á Muller (CIM) continuamos a realizar intervencións por vídeo-chamadas sempre que é posible, e na Unidade de Condutas Adictivas (UCA) mantense a atención con normalidade e incorporouse tamén aos pacientes que anteriormente recibían asistencia ambulatoria.