Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Concellaría de Normalización...

A Concellaría de Normalización Lingüística convoca un concurso de microrrelatos sobre o confinamento

Os textos, cun máximo de 77 palabras, poden publicarse en Instagram dende o 9 ata o 22 de abril

Mércores 8 de abril do 2020 Lingua

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca o “I Concurso de microrrelatos #carballomola" en Instagram. Nestes días de confinamento, con tempo de máis para pensar, queremos que deixedes fluír a vosa creatividade e plasmedes en forma de microrrelato os pensamentos que rebolen nas vosas cabezas.

BASES

  1. A participación no I Concurso de Microrrelatos #carballomola está aberta a calquera persoa usuaria de Instagram, sen límite de idade.
  2. A temática do microrrelato será o confinamento. Deberase mencionar a palabra confinamento e/ou facer referencia a el no texto.
  3. Só se admitirán textos en galego.
  4. As obras deberán ter unha extensión máxima de 77 palabras, sen contar o título. Acompañarase unha fotografía, ilustración, vídeo ou similar que garde relación co texto.
  5. As persoas que queiran participar publicarán os micorrelatos nas súas contas persoais, etiquetando a @carballomola. No texto incluiranse os hagstags #carballomicrorrelatos, #normalizaciónlingüísticacarballo e #carballomola
  6. O prazo para participar estará aberto dende o 9 ata o 22 de abril de 2020.
  7. O microrrelato que acade máis “gústame” ata as 24.00 horas do 22 de abril será o gañador do concurso.
  8. O nome do gañador ou gañadora farase público o xoves 23 de abril, Día do Libro, a través da páxina web www.carballo.gal e das redes sociais do Concello de Carballo.
  9. O premio consistirá na publicación do microrrelato, xunto coa imaxe que o ilustre, na páxina web do Concello de Carballo; un lote de produtos co logotipo “Eu quero a Carballo” e un vale de 150€ para gastar en librarías de Carballo.

Compartir: