Inicio Carballo ao día Hemeroteca As ferramentas informáticas habilitadas...

CELEBRADAS 468 REUNIÓNS ONLINE

As ferramentas informáticas habilitadas polo Concello permiten que o persoal municipal realice o 90% do traballo dende a casa

Dende o 9 de marzo hai 71 usuarios/as activos/as a diario na ferramenta de traballo colaborativo Microsoft Teams

Sábado 11 de abril do 2020 Carballo ao día

Evencio Ferrero, na Alcaldía, falando por videoconferencia con varios membros do goberno

Evencio Ferrero, na Alcaldía, falando por videoconferencia con varios membros do goberno

Aínda que existen limitacións, as ferramentas informáticas habilitadas polo Concello de Carballo permiten que case o 90% do traballo administrativo poida realizarse dende a casa. Nestes momentos hai 71 usuarios/as activos utilizando a ferramenta de traballo colaborativo Microsoft Teams, que permite o intercambio de información e documentos, conferencias e videoconferencias en grupo, compartir pantallas e asistencia técnica en remoto por parte dos servizos informáticos municipais. Ademais, cumpre todos os requisitos de protección de datos e do esquema nacional de seguridade, o que nos permite intercambiar información de forma segura.

Entre os/as usuarios/as de Teams están os membros do goberno municipal, que manteñen xuntanzas por videoconferencia decote, a maiores das que celebra a comisión municipal de seguimento da evolución do COVID-19, da que forman parte o alcalde, Evencio Ferrero; os concelleiros e concelleiras Belén Lendoiro, Milagros Lantes, Juan Seoane e Luis Lamas, aos que se suma Maica Ures cando se realizan propostas de implantación social, como está previsto para este luns, por exemplo. Tamén son membros da comisión de seguimento o xefe da Policía Local, o responsable dos servizos de emerxencia e Protección Civil, o informático municipal e o secretario municipal.

Hai servizos que están a funcionar presencialmente con relativa normalidade e incluso con maior intensidade, como a Policía Local, a Brigada Municipal de Obras, Protección Civil, a Unidade de Condutas Adictivas ou as empresas que xestionan os servizos de recollida de lixo, o ciclo integral da auga, o alumeado público, a limpeza viaria ou o control de pragas. Pero a maioría do persoal municipal está a teletraballar, cunha actividade que se reflicte nos seguintes datos:

  • 71 usuarios/as activos/as diariamente
  • 8.163 mensaxes intercambiadas
  • 361 reunións online de traballador/a a traballador/a
  • 107 reunións de traballo colectivo por áreas, incluídas as de coordinación do goberno
  • 146 horas de audioconferencias
  • 112 horas de videoconferencias
  • 70 horas de teleasistencia
  • 18,9% de incremento do tráfico de correo electrónico
  • 120,2% de aumento do almacenamento na nube

Ademais de Microsoft Teams, o persoal do Concello de Carballo dispón doutras moitas ferramentas para traballar, en boa parte xestionadas pola Deputación da Coruña. Unha delas é a sede electrónica do Concello de Carballo, á que pode accederse neste enderezo web https://sede.carballo.org para todo tipo de trámites.

Compartir: