O Concello de Carballo recoñecerá a acción dun axente da Policía Local que socorreu a unha veciña de avanzada idade
A proposta do xefe da Policía Local, o axente recibirá unha felicitación oficial tan pronto como o permitan as circunstancias provocadas polo COVID-19
Mércores 15 de abril do 2020 Carballo ao día
O axente Manuel Carracedo
O Concello de Carballo quere recoñecer, e farao oficialmente tan pronto como a situación o permita, a acción dun axente da Policía Local que o pasado 11 de abril socorreu a unha veciña de avanzada idade, enferma de alzhéimer, cando estaba a piques de precipitarse dende a ventá dun terceiro piso da rúa Gran Vía. A rápida intervención do axente Manuel Carracedo, que se atopaba fóra de servizo cando foi testemuña da escena e decidiu actuar, salvou a vida da muller.
Á vista dos feitos, o xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, prestou unha proposta para recoñecer o labor do axente cunha distinción ou felicitación. Ese recoñecemento chegará tan pronto como o permitan as circunstancias provocadas polo COVID-19, tal como vén de anunciar o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane.
Segundo expón o xefe da Policía Local no escrito xustificativo da súa solicitude, o axente mesmo chegou a poñer en risco a súa integridade física para salvar a vida da muller, xa que, despois de intentar sen éxito que desistise da súa intención, conseguiu chegar ata a vivenda e agarrala, nunha manobra rápida, para evitar que caese dende o terceiro piso.