CONSULTA AQUÍ AS NORMAS DE USO DAS TARXETAS
Protección Civil realiza o reparto a domicilio das 288 tarxetas para escolares co comedor subvencionado ao 100%
Mércores 15 de abril do 2020 Carballo ao día
O reparto realízase casa a casa
Protección Civil iniciou esta semana o reparto a domicilio dun total de 288 tarxetas para compra de alimentos destinadas ás familias que teñen o servizo de comedor escolar subvencionado ao 100% para os seus fillos e fillas. Todas as solicitudes recibidas polo departamento de Igualdade e Benestar, que corresponden a un total de 395 nenos e nenas, foron aceptadas.
As normas de uso das tarxetas son as seguintes:
- Cada familia recibirá no seu domicilio unha tarxeta igual á que aparece na imaxe. É unha tarxeta pre-pago, que, aínda que non leva nome, está asociada a un DNI. Ao activar a tarxeta xa se carga automaticamente o importe correspondente a ese DNI.
- Os importes de cada tarxeta son os máximos permitidos en cumprimento da Orde do 27 de marzo de 2020 pola que a Xunta de Galicia establece as bases das axudas para familias de alumnado beneficiario de bolsas de comedor escolar. No caso dos nenos/as usuarios/as de escolas infantís públicas, o importe é de 120 euros por neno/a; mentres que para o alumnado dos CEIP establécense 56 euros por escolar.
- As tarxetas unicamente poden utilizarse nos dous supermercados Familia de Carballo.
- Aínda que non é preciso consumir todo o saldo nunha soa compra, senón se que vai descontando segundo se vaia gastando, lembrámosvos que durante o estado de alarma recoméndase facer compras grandes para que haxa que saír da casa o mínimo imprescindible.
- No caso de que se supere o saldo da tarxeta, a persoa usuaria poderá pagar a diferenza en efectivo.
- Aínda que o saldo se esgote debedes conservar a tarxeta, xa que, de ser preciso, recargaríase de forma automática no futuro.
- Dende a Concellaría de Igualdade e Benestar pedímosvos que fagades un uso responsable das tarxetas, adquirindo produtos de primeira necesidade e produtos frescos que contribúan a potenciar unha dieta equilibrada e saudable.