Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo recibirá outras...

O Concello de Carballo recibirá outras 4.615 mascarillas a través da Deputación da Coruña

O Goberno Central enviou 4.000 para repartir en centros de traballo, a Xunta leva achegadas 1.550 en varias quendas e o Concello adquiriu 32.500 con fondos propios

Mércores 15 de abril do 2020 Carballo ao día

Protección Civil, Brigada de Obras e Cruz Vermella, preparando as bolsas coas mascarillas

Protección Civil, Brigada de Obras e Cruz Vermella, preparando as bolsas coas mascarillas

A Deputación da Coruña anunciou hoxe a próxima distribución de 230.000 mascarillas entre os 93 concellos da provincia a través da plataforma loxística Clonegal da Xunta de Galicia. A Carballo corresponderanlle 4.615. Son mascarillas de tipo cirúrxico de triple capa e que contan con certificado CE para produtos sanitarios segundo a directiva europea 93/42/EEC, similares ás que están adquirindo e distribuíndo as distintas Administracións.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, comprometeuse a seguir adquirindo e enviando material de protección aos concellos durante o tempo que sexa preciso, coa finalidade de que poida destinarse a cubrir necesidades tanto entre os profesionais de servizos esenciais municipais coma entre a cidadanía.

O Concello de Carballo leva recibido ata o momento 5.550 mascarillas doutras Administracións: 4.000 enviadas polo Goberno do Estado para repartir en centros de traballo (esta mesma semana), e 1.550 achegadas pola Xunta en varios envíos.

A maiores, con fondos municipais levamos mercado outras 32.500 mascarillas, tanto para persoal municipal como para repartir entre a veciñanza. Esta semana iniciamos a distribución porta a porta en todos os fogares do noso concello para asegura que cada carballés ou carballesa teña unha á súa disposición no caso de verse obrigada a acudir a un lugar no que non sexa posible respectar as distancias de seguridade sanitarias con outras persoas.

O reparto, que corre a cargo de persoal de Protección Civil e Brigada de Obras, coa colaboración da Cruz Vermella, comezou pola zona costeira e estenderase ao longo desta semana polas distintas parroquias ata completar a zona rural. A continuación farase a distribución na zona urbana.

Ligazóns

Compartir: