Retirado dun galpón de Guntián, en Sofán, o primeiro niño primario de avespa velutina do ano
A localización do primeiro niño prodúcese 40 días máis tarde que o ano pasado
Venres 17 de abril do 2020 Carballo ao día
O servizo municipal de control de pragas recibiu o día 14 o primeiro aviso do ano pola aparición dun niño primario de avespa velutina. O niño, situado nun galpón de Guntián, na parroquia de Sofán, foi retirado e a súa ocupante, capturada. Esta primeira intervención do servizo municipal prodúcese 40 días máis tarde que o ano pasado, coincidindo coa campaña anual de trampeo, na que colaboran 62 persoas e que xa nos permitiu capturar 2.868 raíñas no primeiro mes, case duplicando a cifra do 2019.
As raíñas soen facer os seus niños en lugares moi abrigados, polo que é doado localizalos aínda na situación actual de confinamento da poboación. As persoas que localicen un niño poden avisar a través dos teléfonos 112 o 012 ou a través da APP do Concello de Carballo que podes instalar no teu teléfono móbil.
Estamos nun momento clave para a loita contra a praga de velutina, xa que cantas máis raíñas consigamos capturar agora menos niños aparecerán máis adiante, polo que dende o Servizo Municipal de Control de Pragas continuamos coa revisión periódica das trampas, que manteremos ata finais de maio.