CRISE SANITARIA
O Concello aumenta un 10% os importes dos vales de alimentos para facer fronte ás novas necesidades das familias
A falta de ingresos dispara as solicitudes de axuda, que se incrementaron nun 70% en marzo
Venres 17 de abril do 2020 Carballo ao día
Servizos Sociais tamén compra e reparte medicamentos a través de Protección Civil
O departamento de Igualdade e Benestar, co afán de manter as condicións de alimentación e hixiene das familias con menos recursos, vén de incrementar as contías dos vales de alimentos. As cantidades, que non son fixas, senón que dependen das circunstancias e do número de membros de cada unidade de convivencia, aumentan nun 10% para cada familia.
A falta de ingresos derivada da paralización de boa parte da actividade empresarial a causa do COVID-19 está disparando as solicitudes de axuda por parte dos servizos sociais. No caso dos vales de alimentos, no mes de marzo entregáronse 53, o que supón un incremento do 69,69% con respecto á situación previa á crise sanitaria. En boa parte dos casos, as novas solicitudes corresponden a persoas afectadas por ERTES que aínda non empezaron a cobrar a prestación.
No mes de marzo, por carecer de prazas dispoñibles no programa da Xunta de Galicia “Xantar na Casa”, o Concello de Carballo asumiu os custes de manutención de 11 novas familias. Este tipo de prestación súmase á compra de medicamentos ou ao pago de alugueres e subministros básicos en casos de necesidade.
Dende a área de Igualdade e Benestar mantemos o compromiso de axuda a todas as familias que o precisen, que poden poñerse en contacto con nós a través do número de teléfono 981 704 706 tanto para a tramitación de vales de alimentos coma para cubrir calquera outra necesidade. Nese sentido, coa colaboración de Protección Civil seguimos a repartir tamén as tarxetas de alimentación para usuarios/as de comedores escolares con subvención do 100%, así coma medicamentos e alimentos a persoas maiores que viven soas ou que teñen problemas de mobilidade.