Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Centro de Información á Muller de...

O Centro de Información á Muller de Carballo mantén os servizos de asistencia psicolóxica, xurídica e social

Os datos de intervencións durante o primeiro mes de confinamento están na media da actividade previa á crise sanitaria

Martes 21 de abril do 2020 Carballo ao día

O Centro de Información á Muller (CIM) é un dos servizos esenciais dependentes da área de Igualdade e Benestar que manteñen a súa actividade durante o estado de alarma. No primeiro mes de confinamento contabilizáronse 130 intervencións da asesoría psicolóxica e 76 da xurídica, e ademais realizáronse un total de 91 xestións para mulleres e labores de seguimento de vítimas de violencia machista. Fronte ao aumento do 18% das chamadas ao 016 que se rexistrou a nivel estatal, as cifras no CIM de Carballo están na media previa á crise sanitaria.

A maiores, dende o Centro de Información á Muller estase a colaborar na campaña de contacto e acompañamento a persoas maiores que viven soas coa finalidade de coñecer a súa situación e detectar posibles necesidades. Entre o 16 de marzo e o 16 de abril o CIM puido comunicarse con 84 veciños e veciñas.

O CIM ofrece servizo de asistencia psicolóxica por intervencións psicolóxicas ou mediación familiar. Así mesmo, presta asistencia xurídica para trámites de xustiza gratuíta, denuncias, separacións, sentenzas, dereitos laborais ou baixas e protección da maternidade e a paternidade. O teléfono de urxencias durante o estado de alarma é o 981 700 688.

Compartir: