O DESEQUILIBRIO ORZAMENTARIO OBRIGARÁ A FACER UN PLAN ECONÓMICO-FINANCEIRO
O Concello de Carballo superou o seu teito de gasto no 2019 debido ao gran volume de investimentos realizados
O ano pasado incorporáronse ao orzamento máis de nove millóns de euros, e case oito foron para o capítulo 6 de gasto
Xoves 23 de abril do 2020 Carballo ao día
O alcalde, nunha videoconferencia co tesoureiro municipal
O Concello de Carballo incumpriu o ano pasado o obxectivo da estabilidade orzamentaria, xa que a liquidación ao peche do exercicio arroxa un déficit de 1.633.479,02 euros. Este desfase obedece á gran cantidade de remanente que se foi incorporando ao orzamento para destinalo, na súa maior parte, a investimentos. De feito, o Concello de Carballo incorporou ao orzamento do 2019 un total de 9.685.224,64 euros, e 7.764.173,62 foron para o capítulo 6 de gasto, é dicir, para obras e infraestruturas.
Debido a ese gran volume de investimentos realizados, que superaron en máis dun 100% as previsións iniciais, o Concello de Carballo non cumpre ese obxectivo de estabilidade financeira nin a regra de gasto, ao superar en 1.987.448,76 o límite que tiña marcado polo Estado. “É unha regra absurda”, insiste o alcalde, Evencio Ferrero, que unha vez máis criticou que se limite a capacidade de investimento das administracións locais para que o Estado poida seguir aumentando o seu gasto e que os concellos “non poidamos dispoñer dos recursos que temos”, no caso de Carballo, por exemplo, cun remanente que supera os 12 millóns de euros. Unha mostra máis da “incongruencia”, engadiu a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, é que, grazas a este incumprimento, o límite de gasto do Concello de Carballo para o ano que vén será moito máis alto.
Como consecuencia desta situación, o Concello de Carballo debe elaborar e aprobar no prazo dun mes un plan económico-financeiro que permita cumprir con esas normas estatais este ano e o que vén. Esta situación, en palabras do alcalde, é “unha irracionalidade”, sobre todo á vista da excelente situación económica do Concello de Carballo, tal como reflicten os datos da propia liquidación do ano 2019.
- Orzamento inicial: 24.505.476,70 €
- Orzamento definitivo: 37.512.206,27 €
- Incorporación de remanentes: 9.685.224,64 €
- Investimentos reais capítulo 6: 14.551.487,03 €
- Remanente líquido de tesourería para gastos xerais: 12.180.839,84 €
- Aforro neto: 3.148.850,81 euros €
- Débeda bancaria: 0 €
- Débeda con outras Administracións: 2.800.072,40 € (correspondentes ao PAI da Deputación da Coruña)
O goberno municipal considera que con estas cifras non sería entendible que o Concello de Carballo deixase de atender as demandas e as necesidades veciñais simplemente por cumprir unhas normas que só benefician aos intereses do Goberno central de quenda. “Agardamos que, dunha vez, e máis agora, tendo en conta a difícil situación á que nos enfrontamos como consecuencia da crise sanitaria provocada polo COVID-19, poñan fin a este absurdo e nos deixen investir o remanente”, reivindicou o alcalde.