Inicio Carballo ao día Hemeroteca Iniciada unha rolda de contactos coas entidades...

Iniciada unha rolda de contactos coas entidades deportivas para intentar minimizar os efectos negativos da crise sanitaria

A área de Deporte está a traballar cos clubs na procura de opcións que permitan manter a actividade deportiva

Sábado 25 de abril do 2020 Deporte

As xuntanzas celébranse por videoconferencia

As xuntanzas celébranse por videoconferencia

O Concello de Carballo iniciou esta semana unha rolda de contactos coas entidades deportivas para analizar os efectos das limitacións derivadas do estado de alarma polo COVID-19 e, na medida do posible, intentar minimizalos. Para o goberno municipal, o deporte é un elemento fundamental na formación integral e na mellora da calidade de vida da cidadanía, e, nese sentido, considera de especial interese a actividade desenvolvida polo movemento asociativo, polo que pretende realizar unha posta en común que permita promover actuacións encamiñadas a manter a actividade deportiva e garantir o acceso dos/as deportistas de base á práctica deportiva.

Na xuntanza celebrada este xoves, a primeira das cinco previstas, participaron varias entidades que transmitiron ao alcalde, Evencio Ferrero, ao concelleiro de Deporte, Marcos Trigo e a funcionarios do servizo unha valoración moi positiva da sensibilidade amosada polo Concello de Carballo. Onte houbo un novo encontro, e nos vindeiros días continuará a rolda de contactos, sempre de maneira telemática, co resto das entidades.

O goberno municipal quere coñecer os problemas que está provocando a nova situación ás distintas entidades, ademais de analizar e prever o impacto que a crise sanitaria poida ter sobre a actividade deportiva para a próxima tempada e intentar anticiparse mediante actuacións coordinadas de todos os axentes implicados para conseguir minimizar os efectos producidos pola situación derivada do Covid-19 sobre o sistema deportivo local, mediante a asignación dos recursos dispoñibles de xeito eficiente, equilibrado e adaptado á nova situación.

Compartir: