A Escola Municipal de Hostalaría elaborará cada semana comidas para 92 persoas en situación de vulnerabilidade
O alumnado, que participa na experiencia de maneira voluntaria, traballará por quendas para garantir o cumprimento das medidas de seguridade
Luns 27 de abril do 2020 Carballo ao día
A Escola Municipal de Hostalaría volve á actividade, pero nesta nova etapa, ademais de formarse en cociña, o profesorado e o alumnado darannos unha lección de solidariedade. A partir de mañá, das instalacións do Fórum Carballo sairán cada semana 202 menús completos para 92 veciños e veciñas do noso concello en situación de vulnerabilidade, pero a cifra podería incluso aumentar se é preciso.
As familias acudirán a recoller a comida en días alternos (agás festivos) e nuns horarios concretos que xa lles foron comunicados. Para evitar aglomeracións e conseguir que o reparto se realice dunha maneira ordenada contaremos coa colaboración de Protección Civil e Policía Local.
As medidas de seguridade e distanciamento tamén se cumprirán de portas para dentro. O alumnado, que participa nesta experiencia de forma voluntaria, traballará por quendas e cos equipos de protección necesarios.
Aínda que as primeiras comidas prepararanse mañá, o traballo xa comezou hoxe coa planificación dos menús e a compra. O director da Escola Municipal de Hostalaría, Fernando Agrasar, que dirixe o proxecto, encargarase de ofrecer ás familias usuarias do servizo unha dieta variada, equilibrada e na que tamén se terán en conta as intolerancias manifestadas.
Entre os alimentos cos que conta a Escola Municipal de Hostalaría figuran 500 quilos de patacas doadas ao Concello de Carballo polas empresas Seragra, Cultiagro e Patatas Gómez Vázquez, un xesto que agradecemos e que garante o subministro dun produto alimenticio de calidade que é básico na nosa dieta.
O Concello de Carballo segue apostando pola transversalidade, de maneira que nesta iniciativa colaboran as áreas de Formación e Emprego, Seguridade e Benestar. O departamento de Servizos Sociais ofrece o servizo ás familias beneficiarias de vales de alimentos. As dúas prestacións son compatibles e non supoñen redución das cantidades que perciben esas familias para a adquisición de produtos de primeira necesidade. Polo momento sumáronse 28 familias, que suman un total de 83 membros, 30 deles menores de idade.
A maiores participan 9 usuarios/as das asociacións Aspaber e Apem que viven sos, aínda que nestes casos serán as entidades as que se desprazarán ata o Fórum, nestes casos a diario, para recoller a comida e levárllela aos seus domicilios.