Todo o alumnado da Escola Municipal de Hostalaría participa no proxecto de cociña solidaria iniciado hoxe
As entregas de comida elaborada a familias en situación de vulnerabilidade realizaranse de martes a venres, incluídos os festivos, por quendas
Martes 28 de abril do 2020 Carballo ao día
O alumnado participa no proxecto por quendas
Todo o alumnado da Escola Municipal de Hostalaría de Carballo respondeu afirmativamente ao convite para participar no proxecto de cociña solidaria iniciado hoxe. “Dende o primeiro contacto que tiven con eles amosáronse moi ilusionados coa iniciativa e temos case un 100% do alumnado. Só hai unha persoa que non pode estar porque empezou a traballar e non lle resultaba compatible o horario”, explica Fernando Agrasar, director da escola. Deste xeito, os seus alumnos e alumnas participarán por quendas na elaboración de comida para familias carballesas en situación de vulnerabilidade.
As primeiras achegáronse hoxe ata o Fórum Carballo para recoller un menú composto por croquetas de bacallau ao pil-pil e filetes de lombo de porco con pisto de verduras e pataca cocida, aproveitando a doazón realizada ao Concello de Carballo polas empresas Seragra, Cultiagro e Patatas Gómez Vázquez. O próximo día terán crema de porros e polo asado con verduras e arroz en branco. “Intentamos facer o máximo número de comidas e coa mellor calidade posible _sinala Fernando Agrasar_. Empezamos con algo máis de 200 á semana, que poderán ir aumentando segundo as necesidades”.
Porque o principal obxectivo deste proxecto, como apunta o directo da Escola Municipal de Hostalaría, é “axudar á xente máis necesitada”. E, ao mesmo tempo, a experiencia resulta unha oportunidade única para que o alumnado “vexa como se cociña nestes grandes formatos, porque non é o mesmo cociñar para 15 ou 20 persoas que para 90 ou 100”.
Maica Ures, Iván Andrade e Fernando Agrasar
A primeira xornada transcorreu dun xeito moi ordenado, sen aglomeracións nin necesidade de intervención do voluntariado de Protección Civil que se achegou ata o Fórum Carballo para colaborar. Tamén se desprazaron ata as instalacións da Escola Municipal de Hostalaría o concelleiro de Formación e Emprego, Iván Andrade, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures.
Iván Andrade destacou a experiencia de Fernando Agrasar, que xa vén colaborando coa ONG do chef José Andrés no proxecto do comedor solidario do Banco de Alimentos da Coruña, e engadiu que grazas a esta iniciativa será posible achegar “unha alimentación saudable e variada a familias necesitadas do Concello”.
A maior parte desas familias son usuarias dos vales de alimentos da Concellaría de Igualdade e Benestar, que vén detectando un aumento das necesidades durante a actual crise sanitaria. “Xa dende o primeiro momento, vendo que as necesidades aumentaran, decidimos incrementar as contías dos vales de alimentos, e agora vese incrementada aínda máis con esta nova axuda que ofrecemos dous días á semana, de martes a venres, incluídos os festivos”, comentou Maica Ures. A concelleira tamén explicou que, a maiores, no proxecto participan persoas usuarias de APEM e Aspaber que viven soas, e nestes casos ofréceselles o servizo a diario a través das propias entidades.