O CONCELLO DE CARBALLO DESTINARÁ 1 MILLÓN DE EUROS, COMO MÍNIMO, Á REACTIVACIÓN ECONÓMICA
A Concellaría de Promoción Económica escoita a todos os sectores económicos para elaborar o plan de axuda ás pemes
Ademais do aprazamento de todos os impostos, entre as medidas xa adoptadas figura a supresión da taxa pola ocupación do solo público con terrazas de hostalaría durante todo este ano
Mércores 6 de maio do 2020 Carballo ao día
Videoconferencia con empresarios da hostalaría
O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, está a manter nas últimas semanas contactos periódicos cos distintos sectores económicos locais coa intención de elaborar un plan de axuda ás pequenas e medianas empresas (pemes) o máis amplo e consensuado posible. Hoxe mesmo participou nun novo encontro telemático con representantes da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de Bértoa, pero xa dende o inicio da crise sanitaria vén celebrando xuntanzas co Centro Comercial Aberto (CCA), Axober e a nova agrupación de hostalaría coa fin, por unha banda, de abrir a participación ao maior número de profesionais posible e, por outra, de ir adaptando as accións ás necesidades que se van presentando a medida que avanza a crise sanitaria.
Unha das primeiras medidas adoptadas polo Concello de Carballo, xa en marzo, foi a paralización do cobro de todos os impostos e taxas, unha decisión consensuada no seu momento co sector empresarial que vén de ampliarse agora coa supresión da taxa pola ocupación do solo público con terrazas de hostalaría para todo o ano 2020.
O Concello de Carballo conta xa cun borrador do plan de axuda ás pymes, que se concretará en función das decisións que adopten tanto o Goberno do Estado coma a Xunta de Galicia. O goberno municipal quere que o investimento na reactivación da economía local sexa o máis importante deste ano, e por iso está a traballar xa na reestruturación dos orzamentos municipais e segue a reivindicar do Goberno do Estado a posibilidade de dispoñer polo menos dunha parte do remanente, que no noso caso supera os 12 millóns de euros. De calquera xeito, o Concello de Carballo disporá, como mínimo, de 1 millón de euros para un plan que implica a distintas áreas municipais e que repercutirá en diferentes sectores económicos e sociais.
De feito, ademais da Concellaría de Promoción Económica, outras áreas municipais centran tamén os seus esforzos na reactivación económica. Así, por exemplo, a Concellaría de Mercados ten xa organizada para mañá a reapertura dos mercados e feiras tradicionais con novas normas adaptadas á crise sanitaria provocada polo COVID-19. Dende a área de Emprego e Innovación estase a traballar, entre outras medidas, nun plan de formación adaptado ás novas necesidades que sen dúbida presentará o mercado laboral, e no departamento de Contratación trabállase para retomar as licitacións de obras pendentes co obxectivo de reactivar o sector da construción.